Nova: Ábrese o procedemento público de selección de coordinador/a do departamento de artes escénicas da Agadic
17/07/2015
Ábrese o procedemento público de selección de coordinador/a do departamento de artes escénicas da Agadic
Terá, entre outras, as funcións de exercer a dirección artística do Centro Dramático Galego e de planificar a actividade do Salón Teatro
As solicitudes poden presentarse a partir de mañá e ata o 17 de agosto de 2015
Santiago, 17 de xullo de 2015.- Iniciouse o procedemento de selección para o posto de coordinador/a do departamento de artes escénicas da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) mediante a publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia da resolución e das bases que regularán a convocatoria.
Entre as tarefas encomendadas a este posto de persoal directivo, dotado cunha retribución brutal anual de 37.027,44 euros, están as de exercer a dirección artística do Centro Dramático Galego (CDG); dirixir, coordinar e planificar a actividade do Salón Teatro, decidir o plan de programación anual; e seleccionar e contratar as compañías artísticas e/ou produtoras encargadas de cada espectáculo, así como dos artistas que, no seu caso, se requiran para cada proxecto.
Deberá, tamén, impulsar acordos de cooperación e colaboración con outros centros análogos e cantas institucións públicas e privadas poidan contribuír á consecución dos fins do CDG, exercer a representación ordinaria da entidade e desenvolver todas as demais funcións que lle sexan encomendadas pola Dirección da Agadic.
Os candidatos e candidatas deberán cumprir os requisitos taxados das bases e achegar en tempo e forma toda a documentación solicitada xunto coa instancia normalizada que se publica no DOG como anexo á convocatoria. O prazo de presentación é de trinta días naturais contados a partir de mañá, polo que rematará o luns 17 de agosto de 2015.
Proxecto para 2016
As solicitudes deben dirixirse ao director da Agadic acompañadas da documentación acreditativa dos méritos alegados, ademais dun currículo completo e dun proxecto artístico referido especificamente ao departamento de produción teatral da Agadic para o ano 2016.
Este proxecto debe concretar os fins, liñas de actuación, programas e obxectivos a desenvolver, tendo en conta a promoción e posta en valor da arte escénica na Comunidade Autónoma galega. Terá unha extensión máxima de 30 páxinas e para a súa elaboración, con carácter exclusivamente orientador, tomarase como referencia un orzamento de 500.000 euros. Os custos do mesmo deberán aparecer desagregados.
Requisitos e méritos
As bases establecen os requisitos que deben reunir os aspirantes (nacionalidade, residencia legal, titulación universitaria, etc), os méritos que se terán en conta no proceso selectivo (experiencia profesional, cursos de especialización e de perfeccionamento, etc), así como as fases do procedemento de selección.
Tamén reflicten o baremo para a valoración dos devanditos méritos e do contido do proxecto presentado. Deste último estimaranse o seu interese cultural e artístico, relevancia e singularidade, as estratexias de difusión e promoción que conteña, a repercusión na creación e fomento de públicos ou a súa viabilidade e eficacia.
Os candidatos e candidatas que acaden as seis mellores puntuacións despois da suma da valoración dos méritos (ata 55 puntos) e do proxecto artístico (ata 35 puntos) serán convocados/as pola comisión de selección a unha entrevista que versará sobre a exposición e defensa do proxecto presentado. Esta última fase do proceso terá unha valoración máxima de 10 puntos.