Nova: O mar entra na Casa da Parra coa exposición Locus horridus#locus amoenus de Antón Sobral

17/07/2015

O mar entra na Casa da Parra coa exposición Locus horridus#locus amoenus de Antón Sobral

Óleos e fotografías conforman esta mostra, que tamén incorpora unha instalación con diversos materiais recollidos nas praias e unha videocreación

Comisariada por Antón Castro, a exposición poderá visitarse ata o 16 de setembro

  • O universo mariño do artista galego Antón Sobral asolaga de creatividade a Casa da Parra coa mostra ‘Locus horridus#locus amoenus’ O universo mariño do artista galego Antón Sobral asolaga de creatividade a Casa da Parra coa mostra ‘Locus horridus#locus amoenus’
  • O universo mariño do artista galego Antón Sobral asolaga de creatividade a Casa da Parra coa mostra ‘Locus horridus#locus amoenus’ O universo mariño do artista galego Antón Sobral asolaga de creatividade a Casa da Parra coa mostra ‘Locus horridus#locus amoenus’

Santiago, 17 de xullo de 2015.- O universo mariño do artista galego Antón Sobral asolaga de creatividade a Casa da Parra coa mostra ‘Locus horridus#locus amoenus’, que se poderá visitar ata o vindeiro 16 de setembro neste centro expositivo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, situado na compostelá praza da Quintana.

Con cada nova mostra, “a Casa da Parra abre as portas e permítenos introducirnos de cada vez en universos do máis diverso”, afirmou esta tarde o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, no acto de inauguración da mostra, coa que, segundo dixo, “temos a oportunidade de adentrármonos no cosmos pictórico dun dos mellores artistas galegos actuais”.

Unha porta de entrada á arte galega actual
Acompañado por Antón Sobral, así como polo comisario e a coordinadora da mostra, Xosé Antón Castro e Margarita Rueda, respectivamente, o secretario xeral referiuse á Casa da Parra como “un espazo expositivo público concibido para ser porta de entrada libre e ampla á arte galega actual, para nós os galegos e para todos os centos de visitantes que se achegan cada día á compostelá praza da Quintana, e que teñen a oportunidade de saber algo máis de nós e do noso hoxe”.

O mar, “motor” da creación de Sobral
“Eu, que veño de porto de mar –dixo en relación ao fío condutor da mostra–, entendo que esa paisaxe sexa o arranque, o motor da creación de Sobral, pola propia enerxía natural dese elemento”, asegurou, ao tempo que destacou “a capacidade do artista para ofrecérnolo de novo desde a subxectividade”.

A pintura é a base desta mostra, que, xunto con cadros de óleo sobre lenzo, incorpora 16 fotografías do artista –fotografía pintada e convertida de novo en fotografía–, xunto cunha instalación realizada a partir de crebas recollidas nas praias. Ademais, nunha das salas tamén se proxecta unha videocreación titulada ‘Hamaca’.

Sobre o artista
Antón Sobral (Marín, Pontevedra) é un artista multidisciplinar que ten amosado a súa obra por todo o mundo, en lugares como Nova York, Viena, Milán, A Habana, Múnic e Madrid, pero a súa creación artística percorreu, sobre todo, a xeografía galega a través das principais salas das catro provincias.

Xunto coa súa actividade expositiva, que inclúe máis de duascentas mostras en todo o mundo en colaboración con numerosos artistas, e as súas incursións noutros ámbitos como a fotografía ou a poesía, tamén é promotor de encontros que poñen en diálogo a arte e mais a natureza.

A fidelidade ao tema do mar é unha constante na súa creación artística, caracterizada por un gran dominio técnico e un estilo propio e recoñecible.

Comparte