Nova: Novas iniciativas para impulsar o diálogo cultural no marco da Eurorrexión
20/07/2015
Novas iniciativas para impulsar o diálogo cultural no marco da Eurorrexión
A Consellería de Cultura e Eduación e o Eixo Atlántico asinan un convenio para colaborar na realización da Mostra Musical de Novos Intérpretes, a Capital da Cultura e a Bienal de Pintura
Vigo, 20 de xullo de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e mais o Eixo Atlántico reforzan os seus lazos de cooperación no eido cultural a través da sinatura dun protocolo de colaboración para o desenvolvemento de actividades culturais no marco da Eurorrexión. O documento foi asinado polo conselleiro Román Rodríguez e o presidente do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, Ricardo Rio, nun acto no que tamén estivo presente o secretario xeral de Cultura da Consellería, Anxo Lorenzo.
Tendo en conta a potencialidade dos eventos culturais non só como xeradores de produtos propiamente culturais, senón tamén como puntos de intercambio artístico, desenvolvemento económico e de creación de emprego, as dúas institucións manifestan a súa vontade á hora de participar conxuntamente en accións organizadas no ámbito das cidades do Eixo.
Cómpre lembrar que o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular é unha asociación transfronteiriza integrada polos 38 principais concellos e entidades de Galicia e a rexión Norte de Portugal, que busca promover a cohesión económica, social e cultural da Eurorrexión mediante a vertebración dun territorio en común.
Tres actividades con espírito transfronteirizo
Entre as actividades culturais que desenvolve esta institución no marco deste sistema urbano destacan a Mostra Musical de Novos Intérpretes, a Capital da Cultura e a Bienal de Pintura. Todas elas, orientadas a dinamizar e divulgar a cultura galega e portuguesa dun xeito transfronteirizo, contan coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación.
A Mostra Musical de Novos Intérpretes nace en 2008 para recoñecer, promover, premiar e difundir a práctica da música, apoiando os intérpretes que polo seu valor e interese poidan contribuír á difusión do gusto pola música de Galicia e do Norte de Portugal. En cada edición chegan a reunirse ata preto de 300 alumnos e alumnas das escolas de música e conservatorios das cidades do Eixo Atlántico.
Pola súa banda, a Capital da Cultura impulsa a posta en valor dos artistas da Eurorrexión, acollendo tamén países historicamente conectados a Galicia e a Portugal. Mentres que a Bienal de Pintura, con máis de 20 anos de historia e un éxito e participación que a avalan, pretende fomentar a creación artística, facilitando a un mesmo tempo o intercambio cultural e o coñecemento de artistas.