Nova: Cultura no Camiño chega a Pontevedra con sete días de maxia, música, contos e teatro infantil

20/07/2015

Cultura no Camiño chega a Pontevedra con sete días de maxia, música, contos e teatro infantil

Ghazafellos, A illa dos nenos, Pinga Teatro, Troula Animación, Migallas Teatro, Fantoches Baj e Paporrubio amosarán cadanseus espectáculos ata o domingo

  • Rodarirrodari é o espectáculo para Cultura no Camiño de Fantaches Baj, no que se musicalizan contos do afamado escritor

Pontevedra, 20 de xullo de 2015.- Cultura no Camiño chega esta semana á cidade de Pontevedra con sete actuacións escénicas e musicais dirixidas ao público infantil e familiar, que terán lugar cada día, ás 19:30 horas, na Praza do Teucro. Esta programación forma parte do circuíto cultural e de lecer promovido pola Xunta de Galicia e 93 concellos galegos con motivo da conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela.

A primeira das funcións terá lugar esta mesma tarde a cargo de Ghazafellos, que representará 'As mil e unha noites', unha nova versión da historia de Sherezade e o sultán, que se presenta arredor dun carromato transformado nun escenario con todos os elementos para transportar os máis pequenos á antiga Persia. Mañá martes, A illa dos nenos ofrecerá 'De troula en troula', unha proposta de teatro, maxia e música de gaita protagonizada polo Mago Paco e que ten por obxectivo a divulgación do folclore galego entre os cativos.

O programa continuará o mércores 22 co espectáculo de Pinga Teatro 'O bufón do reino', que conta a historia de como un rei perdeu o don da risa e da fala e de como tivo que facer para recuperala; en tanto que o xoves 23 será Troula Animación quen ocupe a praza da zona monumental da cidade do Lérez con 'Uxía lambona e a banda molona', un concerto que recolle os clásicos populares galegos cun 'toque' particular a través de bailes, xogos e sorpresas.

Concerto e xogos
O venres 24 será a quenda de Migallas Teatro con 'Pan de millo: vai ser boa!', un espectáculo baseado no libro-disco 'Pan de millo', publicado pola Editorial Kalandraka e coa produción musical dos membros de Treixadura Paulo Nogueira e Magoia Bodega.

Xa na fin de semana, o sábado actuará Fantoches Baj con 'Rodarirrodari”, unha montaxe de narración oral con acompañamento musical, na que se empregan a tradición dos contos de Gianni Rodari e os monicreques.

A última actuación terá lugar o domingo 26, día no que Paporrubio porá en escena 'Os xogos de Paporrubio', unha compilación de xogos autónomos e animados de temática agraria, co que se nos dá a coñecer un dos paxaros máis pequenos, rebuldeiros e cantaruxeiros da nosa fauna.

En todas as rutas xacobeas
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e Turismo de Galicia están a desenvolver Cultura no Camiño en colaboración con 93 municipios das diferentes rutas xacobeas e co patrocinio da empresa Gadis. O programa, que levará a cabo ata o 30 de setembro nas catro provincias galegas un total de 316 actuacións musicais, de teatro, danza, novo circo e maxia, forma parte das actividades conmemorativas do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela.

O calendario completo de actividades está dispoñible para a súa consulta no web da Agadic (www.agadic.info/culturanocamino), así como na sección de Axenda da páxina de Cultura da Xunta de Galicia (http://cultura.xunta.es/gl/axenda).
 

Comparte