Nova: Apoio á programación escénica e musical con novas axudas a festivais, ciclos e feiras de carácter afeccionado

21/07/2015

Apoio á programación escénica e musical con novas axudas a festivais, ciclos e feiras de carácter afeccionado

Dotada con 50.000 euros, a liña de subvencións está dirixida a institucións sen fin de lucro, entidades locais galegas e agrupacións de concellos

Santiago, 21 de xullo de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destina este ano a través da Secretaría Xeral de Cultura un total de 50.000 euros á realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames galegos de carácter afeccionado dedicados á difusión das artes escénicas e musicais.

Esta nova liña de axudas, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, está dirixida a institucións sen fin de lucro, entidades locais galegas e agrupacións de concellos, e destínase ao financiamento de gastos correntes derivados da realización de programas e actividades que contribúan á promoción e cooperación cultural, así como á divulgación da cultura galega, desenvolvidos desde o 1 de xaneiro de 2015 ata a data límite de xustificación da orde de subvencións.

A orde inclúe os gastos correntes derivados da realización do proxecto, así como os de difusión e publicidade en calquera soporte, alugamento de espazos, servizos e equipamentos técnicos, cachés dos grupos e compañías, así como os gastos de viaxes e aloxamento dos participantes nas actividades propostas.

Prazo de presentación
Para as solicitudes das entidades sen fin de lucro destínase un orzamento de 30.000 euros, mentres que os 20.000 euros restantes se destinan ás solicitudes de entidades locais e agrupacións de concellos. O prazo para a presentación de proxectos remata o vindeiro venres 21 de agosto.

Á hora de valorar as propostas, a comisión terá en conta a traxectoria e interese cultural e artístico do evento nas edicións anteriores, a súa singularidade e relevancia artística, a súa contribución á captación ou creación de novos públicos así como a repercusión territorial do evento e o nivel de autofinanciamento.

Difusión cultural e creación de públicos
A través desta liña de axudas, Cultura e Educación enmarca nunha convocatoria pública a súa colaboración e o seu recoñecemento ao importante labor de difusión cultural e de creación de públicos que se realiza desde o ámbito afeccionado. Con este obxectivo, a Secretaría Xeral de Cultura tamén vén apoiando, mediante a sinatura dun convenio de colaboración, a actividade desenvolvida por entidades de referencia como a Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea) e a Federación Coral Galega (Fecoga).

Axudas a festivais profesionais
No ámbito profesional, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) subvencionou en 2015 nove festivais de artes escénicas cun total de 160.000 euros –o FIOT de Carballo, o FITO de Ourense, a Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, Galicreques de Santiago de Compostela, o Festival de Títeres de Redondela, o Alt de Vigo, Corpo(a)terra de Ourense, o Festiclown de Noia e Ponte na Escena de Gondomar– e adxudicou 210.000 euros en axudas a festivais musicais, das que se beneficiaron Resurrection Fest, PortAmérica, Festival do Norte, Festival da Luz, Sinsal Son Estrella Galicia, Revenidas, Reperkusión, FIV, Nordestazo Rock, Festival de Jazz & Blues de Ribadeo, Festival de Jazz de Lugo e Festigal.

Comparte