Nova: Entréganse os premios do concurso Relatos breves Letras Galegas 2015

22/07/2015

Entréganse os premios do concurso Relatos breves Letras Galegas 2015

Foron catro os microrrelatos galardoados, escollidos de entre os 103 que se presentaron en Facebook 

  • O conselleiro de Cultura e Educación felicitou aos gañadores do certame de microrrelatos en galego no Facebook O conselleiro de Cultura e Educación felicitou aos gañadores do certame de microrrelatos en galego no Facebook

Ames (A Coruña), 22 de xullo de 2015.- Celebrouse a entrega de premios que outorga Feiraco, en colaboración coa Consellería de Cultura, con motivo da cuarta edición do concurso ‘Relatos breves Letras Galegas 2015’, un certame de microrrelatos en galego a través do Facebook.

Esta iniciativa enmárcase dentro da campaña conmemorativa das Letras Galegas 2015 posta en marcha pola cooperativa leiteira, a raíz da cal tamén se elaborou un envase especial, ilustrado cunha caricatura do autor homenaxeado este ano, Xosé Filgueira Valverde.

Ao acto de entrega asistiu o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodriguez, que -rras realizar unha visita polas instalacións de Feiraco en Ponte Maceira- valorou o compromiso e a “aposta decidida” da cooperativa coa lingua galega, presente nas diferentes accións de responsabilidade social desenvoltas ao longo dos seus 45 anos de historia.

Neste senso, este certame de relatos breves “contribúe en gran medida” -en palabras do conselleiro- á dinamización da lingua galega, “incentiva a escrita e a literatura, e promove o achegamento ás novas tecnoloxías”, posto que se trata dun concurso onde o público participa a través do Facebook.

Máis de 100 relatos presentados
Desta volta, foron catro os relatos galardoados, escollidos de entre os 103 que se presentaron nesta edición. Os premiados foron Roberto Roget Antelo, de Vimianzo; Virtu Castro Villar, da Coruña; Alba Sánchez Ares, de Ames; e Arantza Portabales, de Teo. O primeiro clasificado recibiu a Enciclopedia Galega Universal, mentres que os outros tres foron agasallados cun lote especial Letras Galegas de Feiraco, composto por produtos alimentarios e culturais.

Para poder participar no certame era preciso ser maior de 18 anos, presentar un texto orixinal e inédito de, como máximo, 500 caracteres que puxese en valor a lingua galega.

Impulso do galego no eido empresarial
Román Rodríguez tamén lembrou o traballo que está a desenvolver a Xunta de Galicia para potenciar o uso do galego no eido empresarial, a través do Plan de dinamización da lingua no tecido económico 2015-2020, presentado no Parlamento e tamén aos representantes empresariais. Trátase dun documento, que contará coas achegas dos diferentes sectores implicados, orientado a fomentar a utilización da lingua propia no mundo da empresa, tendo en conta o efecto multiplicador que podería xerar na sociedade.

Diversas campañas no ámbito cultural e educativo
Feiraco constitúe desde a súa fundación un exemplo de compromiso empresarial, tanto nos seus valores e métodos de traballo dirixidos á vertebración do tecido social e do desenvolvemento económico, como noutras actividades con proxección social que a cooperativa leiteira leva posto en marcha ao longo a da súa historia. Exemplos da súa aposta pola identidade patrimonial, cultural e tradicional son as campañas implementadas coincidindo coa celebración de efemérides anuais como poden ser as Letras Galegas, o entroido ou as postas en marcha en colaboración co ámbito educativo para achegarlles a realidade dos procesos produtivos a escolares de toda Galicia, no marco das súas accións de responsabilidade social.

Comparte