Nova: A Cidade da Cultura de Galicia será a sede dunha nova edición do TEDxGalicia

22/07/2015

A Cidade da Cultura de Galicia será a sede dunha nova edición do TEDxGalicia

O Museo Centro Gaiás será o escenario deste evento dedicado á difusión de ideas innovadoras e inspiradoras, que estará vinculado ás industrias culturais e creativas seguindo a filosofía do Centro de Emprendemento

O TEDxGalicia terá lugar o 19 de setembro e contará con actividades abertas na que os participantes poderán compartir as súas ideas ou conversar con speakers doutras edicións

As entradas póñense á venda este venres, 24 de xullo, e ata este mesmo domingo terán un prezo especial de 25 euros
 

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de confirmar o seu apoio ao TEDxGalicia, evento dedicado á difusión de ideas innovadoras que terá lugar na Cidade da Cultura de Galicia o 19 de setembro.

Nesa data o Museo Centro Gaiás acollerá a quinta edición deste evento no que os participantes poderán escoitar destacados relatorios en vivo, combinados co visionado de vídeos das coñecidas TedTalks ou charlas inspiradoras, co obxectivo de favorecer a reflexión e o debate. Como novidade deste ano, o TEDxGalicia estará ligado moi especialmente á cultura e á creatividade, converxendo cun dos obxectivos clave da Cidade da Cultura e do seu Centro de Emprendemento.

Seguindo a temática ‘Realidades tras a percepción’, esta sexta edición do TEDxGalicia tratará un ano máis de achegar ideas que merecen ser compartidas. Así, o TEDxGalicia 2015 comezará ás 16:00 horas no Museo Centro Gaiás e extenderase ata as 20:00 horas.

Non obstante, o TEDxGalicia 2015 contará cunha serie de actividades abertas que terán lugar na mañá do sábado 19. Ademais do TEDxGaliciaU, no que se pon a disposición dos participantes un espazo para presentar a súa idea, o evento contará coa participación de speakers doutras edicións que, en grupos reducidos, permitirán unha interacción maior da que tiveron no seu momento.

As entradas para este evento van poñerse a venda no portal web www.tedxgalicia.com este mesmo venres, 24 de xullo, e ata este domingo, 26 de xullo, terá un prezo especial de 25 euros.

Compartir ideas
O TEDxGalicia segue o modelo do TED, organización non lucrativa dedicada á difusión de ideas en forma de charlas curtas (18 minutos ou menos) a cargo de destacados oradores como Bill Clinton, Bill Gates, Jane Goodall, Frank Gehry, Paul Simon, Sir Richard Branson, Philippe Starck ou Bono.

TED comezou en 1984 como unha conferencia na que converxeron Tecnoloxía, Entretemento e Deseño e hoxe en día abarca case todos os temas –desde a ciencia aos negocios ou os problemas globais- en máis de cen idiomas. De forma paralela ás conferencias TED, en todo mundo teñen lugar os eventos TEDx como o que terá lugar na Cidade da Cultura co obxectivo de poder compartir estas ideas en todo o mundo.

Comparte