Nova: Publícanse os nomes dos 70 creadores admitidos no V Encontro de Artistas Novos

23/07/2015

Publícanse os nomes dos 70 creadores admitidos no V Encontro de Artistas Novos

Os seleccionados poden consultar o listado en www.cidadedacultura.gal e deberán confirmar a súa praza vía mail antes do 31 de xullo

Por segundo ano consecutivo participarán artistas maiores de 35 anos e contarase coa presenza de Agustín Banchero Cardozo, participante do EAN celebrado en Uruguai este mes de xuño, e que viaxará a Galicia cunha bolsa da Agadu

A Cidade da Cultura ábrelle as portas do 7 ao 11 de setembro para reflexionar con nomes xa consolidados como Menchu Lamas, Ana Laura Aláez, Damián Ucieda, Aitor Saraiba e Enrique Marty sobre a arte contemporánea

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2015.- Déronse a coñecer os nomes dos setenta creadores seleccionados para participar no V Encontro de Artistas Novos “Cidade da Cultura” (EAN), que terá lugar do 7 ao 11 de setembro deste ano no Gaiás. Todos aqueles que presentaron o seu proxecto para optar a unha praza neste V EAN xa poden consultar o listado de seleccionados na web www.cidadedacultura.gal. Cultura e Educación recórdalle aos elixidos que deberán confirmar a súa praza antes do venres 31 de xullo a través do mail encontro@cidadedacultura.org tal e como se indica nas bases.

O equipo dirixido por Rafael Doctor, director do Encontro de Artistas Novos, destacou a calidade dos proxectos presentados para esta quinta edición, que recibiu un total de 329 solicitudes.

Os participantes que obtiveron praza teñen cuberta a matrícula de inscrición, a estancia en réxime de pensión completa no complexo do Monte do Gozo de Santiago de Compostela desde o 7 ata o 11 de setembro (ambas as dúas inclusive) e os transportes diarios desde o Monte do Gozo ata o Gaiás.

Seguindo a senda iniciada na anterior edición, neste V EAN participarán artistas maiores de 35 anos co obxectivo de formular un diálogo entre artistas de varias xeracións nun proceso creativo aberto. Ademais, o V EAN contará coa presenza dun dos artistas participantes no Encontro que se celebrou por primeira vez fóra do Gaiás: o EAN de Uruguai, que tivo lugar en xuño. Agustín Banchero Cardozo foi o participante elixido de entre os 40 creadores que participaron nesta primeira convocatoria en América Latina e viaxará a Galicia grazas a unha bolsa concedida pola Asociación General de Autores de Uruguay (Agadu).

Encontros con artistas e “art followers”
Deste xeito, a Cidade da Cultura de Galicia converterase, do 7 ao 11 de setembro, en escenario de intercambio onde reflexionar sobre aspectos esenciais da creación artística contemporánea e outros máis concretos e relacionados coa construción dunha obra e a súa proxección.

Ademais de favorecer a convivencia entre artistas galegos e procedentes doutros lugares, o EAN favorecerá o debate sobre a situación actual da arte contemporánea e proporcionará un espazo de encontro e intercambio de coñecementos de ideas entre artistas e outros axentes do sector como críticos ou comisarios.

Deste xeito, os participantes poderán entrar en contacto con outras traxectorias e procesos de produción artística a través dunha serie de conferencias impartidas por artistas de recoñecido prestixio nos circuítos nacionais e internacionais da arte contemporánea como Menchu Lamas, Ana Laura Aláez, Damián Ucieda, Aitor Saraiba e Enrique Marty.

Xunto aos artistas, os participantes convivirán con observadores que apoian aos novos creadores e que queren estar ao corrente das novidades do artista emerxente e os seus proxectos artísticos. Paula Cabaleiro, Javier Díaz-Guardiola, Guillermo Espinosa, Ángel Calvo Ulloa e Carlos Copertone serán os críticos ou comisarios que, neste evento, actuarán de “art followers”.

Intervención nas Torres Hejduk
Como xa vén sendo habitual, este ‘V Encontro de Artistas Novos’ celebrará un Foro Aberto no que todos os participantes terán a posibilidade de realizar unha presentación pública centrada no seu traballo e proxecto creativo persoal, servindo de plataforma e escaparate das súas creacións.

A maiores, a Cidade da Cultura de Galicia abre a posibilidade de que algún dos participantes sexa elixido para realizar unha intervención artística nas Torres Hejduk do complexo. O gañador da primeira convocatoria foi o proxecto colectivo ‘En ningún lugar’, de Juan Cañamero, Iago Eireos, Miguel Ángel Moreno Carretero, Ana Esteve Reig, Alejandro Ramírez Ariza e Pablo Martínez Muñiz, baixo o comisariado de Carlos Delgado Mayordomo, cinco intervencións a través das que se reformulou o significado das Torres Hejduk. Na edición do 2014, o proxecto gañador foi ‘Subtextos dun patrón de mantemento’ de Félix Fernández, que ademais de expoñer no Gaiás foi seleccionado para participar no EAN de Uruguai.

Esta iniciativa da Cidade da Cultura busca apostar polo talento emerxente no complexo do Gaiás, cedéndolle un espazo expositivo non convencional para que poidan darlle renda solta á súa creatividade.

Comparte