Nova: Lulavai e a banda León Benavente, protagonistas esta semana de Atardecer no Gaiás
23/07/2015
Lulavai e a banda León Benavente, protagonistas esta semana de Atardecer no Gaiás
Arranca a súa cuarta semana cunha das actuacións máis esperadas deste ano: a da banda Léon Benavente
Esta semana remata en venres coa actuación de Lulavai, insólito cuarteto femenino que combina o son doce das súas voces co protagonismo das arpas
Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2015.- Atardecer no Gaiás ofrécenos para esta semana festiva dúas actuacións únicas: o indie de León Benavente e o estilo propio de Lulavai e as súas harpas.
A cuarta semana de Atardecer no Gaiás arranca hoxe, cunha das actuacións máis esperadas do programa deste ano: a da banda León Benavente, que a partir das 21:00 horas chegará á praza central da Cidade da Cultura para ofrecer un deses directos que os convertiu nun dos imprescindibles da escena ‘indie’ do país.
Luis Rodríguez, Abraham Boba, César Verdú e Eduardo Baos, catro amigos e veteráns da escena musical española, ofrecen pop-rock serio e intenso, onde destacan unhas letras que conectan co público e coa realidade que nos toca vivir. Neste Atardecer no Gaiás farán un repaso polos mellores temas dos seus dous discos: ‘León Benavente’ e ‘Todos contra todos’.
Esta cuarta semana de Atardecer no Gaiás remata en venres, cun deses concertos únicos e especiais que se poden gozar na praza central. Será o de Lulavai, insólito cuarteto feminino formado por Lorena Reinaldo, Paula Oanes, Josefa Fernández e Elena Paz, onde o protagonismo das arpas e o son doce das súas voces dan vida a un estilo propio e único.
No Gaiás ofrecerán os temas do seu último disco, ‘Lémbrame un soño’, temas de composición propia que ofrecen orixinais e evocadores sons.
Último bus ás 22:45 horas
Todos os concertos de Atardecer no Gaiás son de balde e comezan ás 21:00. No caso de que o tempo non acompañe, as actuacións trasládanse á sala Eisenman. E para os que non queiran perder nada dos concertos e non depender do coche, Tussa pon en marcha un servizo especial de bus urbano, cunha última baixada do Gaiás ás 22:45 horas.