Nova: Clausura en Santiago da reunión anual de directores do Instituto Cervantes
23/07/2015
Clausura en Santiago da reunión anual de directores do Instituto Cervantes
A Xunta salienta o labor desta institución para fomentar o coñecemento da lingua e a cultura galegas en todo o mundo
O Conselleiro de Cultura destacou que a colaboración co Instituto Cervantes permite achegar a lingua galega a 43 países dos cinco continentes
Santiago, 23 de xullo de 2015.- O Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, destacou que a colaboración co Instituto Cervantes permite achegar a lingua galega a 43 países dos cinco continentes. O titular deste departamento e o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiron á clausura da reunión anual de directores do Instituto Cervantes, que tivo lugar no Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura.
Pola súa banda, Alfonso Rueda destacou o traballo do Instituto Cervantes a prol da defensa da diversidade lingüística e cultural de España e, en especial, o seu labor para fomentar o coñecemento da lingua e a cultura galegas en todo o mundo, “desde Pekín a Nova York”.
No seu discurso, Rueda agradeceu á institución os grandes avances que fixeron nos últimos anos na integración da lingua galega nas súas actividades, así como o contacto permanente que manteñen coa Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e a propia Xunta.
Isto se ten traducido en numerosos cursos de galego en cidades como Nova York, Pekín, Río de Janeiro ou Berlín e en decenas de actividades divulgativas da cultura galega en todos os seus centros. Así mesmo, salientou que a Xunta recibe cada vez máis ofertas de colaboración de distintas universidades do mundo, interesadas na docencia e na investigación na nosa lingua.
Rueda, na mesma liña que fixera o presidente días antes na inauguración do encontro, rematou a súa intervención destacando a vocación de utilizar os dous idiomas de Galicia como instrumentos de convivencia, como unha forma de construír unha España “inclusiva e integradora”.
Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, subliñou tamén o labor do Instituto Cervantes “para promover no mundo, non só a lingua e a cultura dos países hispano-falantes, senón as linguas cooficiais de España”. “Avanzar da man do Instituto Cervantes permite achegar a lingua galega a 43 países de 5 continentes”, engadiu o conselleiro.
Este encontro anual de Directores do Cervantes en Santiago coincide coa recente declaración dos Camiños de Santiago do Norte Peninsular como Patrimonio da Humanidade. Nesta liña, Román Rodríguez sinalou que o Camiño de Santiago é o segundo tema que máis consultas nacionais xera no Instituto Cervantes, polo que significa que Galicia “ocupa un lugar destacado entre as culturas do mundo”.
Finalmente, o conselleiro de Cultura e Educación rematou agradecendo a elección de Santiago para a reunión dos directores do Instituto Cervantes, un feito que sirve para proxectar no mundo a riqueza turística, cultural e espiritual da capital de Galicia.