Nova: A Agadic entra no padroado da fundación MEDIA para captar fondos europeos no audiovisual galego
23/07/2015
A Agadic entra no padroado da fundación MEDIA para captar fondos europeos no audiovisual galego
O convenio de colaboración asinado entre as dúas entidades busca aumentar a competencia das empresas e dos profesionais
Santiago, 23 de xullo de 2015.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a Oficina Media España asinaron un convenio marco de colaboración cultural para a integración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no padroado desta fundación cultural dedicada á difusión das posibilidades de financiamento europeo e á captación de fondos do programa MEDIA para os proxectos audiovisuais españois.
O documento rubricado esta mañá na Cidade da Cultura de Galicia polo director da Agadic, Jacobo Sutil, e o da Oficina Media España, Peter Andermatt, ten como principal obxectivo o incremento da competencia das empresas e dos profesionais do sector audiovisual galego a través do acceso ás diferentes liñas de axuda de MEDIA, un apartado do Programa Europa Creativa da Comisión Europea, centrado no impulso á coprodución e distribución audiovisual no ámbito internacional.
Con esta acción, a Agadic bríndalle ao sector audiovisual galego a oportunidade de aumentar e optimizar a colaboración cos consultores e técnicos que formar parte do equipo de traballo da Oficina Media España. Trátase dun importante punto de contacto para recibir o asesoramento práctico que facilite a preparación de proxectos e expedientes como paso previo á solicitude dunha axuda europea. Neste sentido, a incorporación da Agadic como membro do devandito padroado facilitará unha cooperación máis estreita cos profesionais galegos, que poderán aproveitar a experiencia, servizos e contactos nacionais e internacionais da entidade.
Subvencións por 120 millóns de euros
O programa MEDIA pon a disposición de profesionais e empresas unhas liñas de axuda dedicadas fundamentalmente a formación e 'networking', desenvolvemento de proxectos audiovisuais (incluídos videoxogos), axudas á distribución e apoio de accións de acceso a mercados e festivais. Ata o ano 2017, MEDIA repartirá 120 millóns de euros en subvencións para impulsar a industria audiovisual europea.
O padroado da Fundación Cultural Oficina MEDIA España reúne na actualidade delegados do ICAA (Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales) do Ministerio de Educación e Cultura, da Entidad de Gestión de los Derechos de los Productores Audiovisuales (EGEDA), a Federación de Asociaciones de Productoras Audiovisuales Españolas (FAPAE) e do Instituto Valenciano del Audiovisual y la Cinematografía (IVAC).