Nova: O espectáculo Estamos no verán! pecha a súa xira en FalaRedes 2015

24/07/2015

O espectáculo Estamos no verán! pecha a súa xira en FalaRedes 2015

Xoán Curiel e a banda Son+d2 completan estes domingo no Grove os concertos programados en 18 concellos da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia

‘Os Bolechas na máquina do tempo’ viaxan durante a fin de semana a Rodeiro, Guitiriz, Betanzos, Neda e Pontedeume co seu novo espectáculo dirixido á xente miúda

  • Estamos no verán!!! Estamos no verán!!!
  • Os Bolechas Os Bolechas
  • Os Bolechas Os Bolechas

Santiago, 24 de xullo de 2015.- A actividade Estamos no verán! pecha este domingo no concello pontevedrés do Grove a súa xira no programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’ que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, leva aos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. O músico Xoán Curiel e a banda Son+d2 completan así os 18 concertos programados na presente edición.

‘Os Bolechas na máquina do tempo’ continúan tamén durante a fin de semana a viaxe que os levará a outros 40 concellos da RDL da man da Secretaría Xeral de Política Lingüística e das deputacións provinciais da Coruña e de Pontevedra en concellos da súa competencia territorial. A actividade chegará, desde hoxe e ata o domingo, a Rodeiro, Guitiriz, Betanzos, Neda e Pontedeume.

Estamos no verán!
O músico Xoán Curiel, canda a banda Son+d2 e a bailarina Marta Alonso, despídese da súa xira no ‘FalaRedes 2015’ a ritmo de rock, funk, blues, pop, reggae, bossa nova... en galego. A derradeira oportunidade de gozar deste concerto dirixido a público preadolescente será o domingo 26 no Grove, ás 20:00 horas na Praza do Corgo (en caso de mal tempo, o espectáculo trasladaríase á Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey), onde pechará a súa xira logo de percorrer, desde xuño, os concellos de Santa Comba, Cariño, O Rosal, Ordes, Muxía, Miño, Ames, Xove, Ortigueira, Fisterra, Baiona, Malpica, Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Vilamarín, Barreiros, Ribadumia, Bueu e O Grove.

Os Bolechas na máquina do tempo
Os irmáns Bolechas e mailo inseparable Chispa viaxan por Galicia para visitaren os seus amiguiños e amiguiñas máis fieis, os cativos de entre 4 e 8 anos, nunha historia chea de aventuras e diversión: unha máquina do tempo que fará que Carlos e Pili se convirtan en adultos. Coma en todas as actividades de ‘FalaRedes’, a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

O punto de partida para a viaxe desta fin de semana é Rodeiro, onde Os Bolechas arrancarán esta tarde, ás 20:00 horas, desde o Centro Cultural Manuel Lamazares. Mañá, sábado, dobrarán función: a primeira delas será pola mañá, na Casa Habanera de Guitiriz, ás 12:00 horas, e a segunda en Betanzos, ás 20:00 horas na Aula de Cultura Xulio Cuns. Xa o domingo, Os Bolechas visitarán a Casa da Cultura de Neda, ás 12:00 horas, e á tardiña, ás 20:00 horas, ofrecerán o seu espectáculo na Casa da Cultura de Pontedeume. O calendario completo da actividade está dispoñible en www.lingua.gal e tamén na Axenda de Cultura de Galicia.

FalaRedes
O programa de dinamización lingüística celebra a súa cuarta edición, logo do éxito colleitado nas case 600 actividades exhibidas no marco da RDL durante os tres primeiros anos de desenvolvemento deste programa. As propostas que nel se integran buscan, ano a ano, o cumprimento dos obxectivos emanados do Plan xeral de normalización da lingua galega, nomeadamente, aqueles que animan a promover o uso e a valoración positiva da lingua propia de Galicia entre a infancia, a mocidade e a familia; enchendo o seu tempo de lecer con actividades de calidade no noso idioma.

Ata finais de ano chegará aos concellos da RDL, iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua propia de Galicia desde as administracións local e autonómica, que conta cunhas 170 entidades adscritas. Máis información sobre "FalaRedes" 2015 no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes 2015 e tamén nas redes sociais.

Comparte