Nova: O Festival Groba reforza o compromiso coa formación de novos talentos musicais

31/07/2015

O Festival Groba reforza o compromiso coa formación de novos talentos musicais

O programa deste ano pon en marcha o I Concurso de Xoves Violinistas

Ponteareas acollerá do 8 ao 14 de agosto concertos gratuítos nos que a Orquestra de Cámara Galega estará acompañada de recoñecidos solistas internacionais

O evento acollerá tamén a estrea mundial do concerto ‘O xílgaro e o picapau’, de Rogelio Groba, que este ano celebra o seu oitenta e cinco aniversario
 

  • Fetival Groba 2015
  • O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na rolda de prensa do Festival Groba O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na rolda de prensa do Festival Groba

Santiago, 31 de xullo de 2015.- Despois do éxito de público e de crítica das dúas primeiras edicións, o Festival Groba afronta no 2015, coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a súa terceira edición apostando polos seus dous obxectivos principais: ser un referente no eido da interpretación e da educación dos novos talentos musicais. Con estes fins, o festival programará do 8 ao 14 de agosto concertos diarios e gratuítos no Auditorio Municipal de Ponteareas, xunto cunha oferta pedagóxica baseada nesta edición na música de cámara e na interpretación vocal.

Durante a presentación en rolda de prensa da nova programación, que tivo lugar esta mañá na Cidade da Cultura de Galicia, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, dixo que “a difusión da música clásica e o compromiso coa educación das novas xeracións de músicos son dous piares fundamentais do festival”

Anxo Lorenzo dixo tamén que o Festival Groba “constitúe unha homenaxe ao mestre que lle dá nome, pola súa contribución á música e en recoñecemento da súa traxectoria, tanto no estranxeiro como en Galicia, onde desenvolveu unha actividade docente extraordinaria”. “A esta función que cumpre o festival de difundir a súa figura e a súa obra, nun ano especial no que celebra o seu oitenta e cinco aniversario, engádeselle o aliciente de estar centrado na proxección dos novos valores do violín: o instrumento que mellor representa a traxectoria profesional dun músico contemporáneo que soubo captar as correntes actuais e convertelas nunha linguaxe propia de calidade”.

A Orquestra de Cámara Galega, formación residente
O secretario xeral de Cultura amosouse convencido de que, na súa terceira edición, “o festival acadará un novo éxito e seguirá o seu camiño para consolidarse como unha das referencias necesarias da música de hoxe”. Tamén felicitou a Orquestra de Cámara Galega (OCG) –fundada en 1995 por iniciativa de Rogelio Groba Otero, director-concertino, e Clara Groba, violonchelo principal e solista– formación residente no festival desde a súa primeira edición e piar básico no seu deseño artístico, que este ano cumpre dúas décadas da súa formación.

Rogelio Groba Otero foi o encargado de presentar a proposta artística durante a rolda de prensa, na que tamén participaron o xerente da Fundación Groba, Manrique Fernández, e mais o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas. Pechou o acto un cuarto de corda da OCG, coa interpretación da obra ‘Natural’, de Rogelio Groba.

I Concurso de Xoves Violinistas
Co fin de motivar o estudo e a excelencia entre os xoves violinistas, o Festival Groba realizará, coma gran novidade desta edición, o I Concurso de Xoves Violistas. Artistas novos de diferentes países competirán no Auditorio Reveriano Soutullo fronte a un xurado integrado por nomes do prestixio de Clara Jumi, Xesús Reina, Elena Urioste, Pablo Vidal ou Rogelio Groba Groba. Contarán, ademais, coa colaboración da prestixiosa pianista Kasia Wieczorek, unha das máis solicitadas do panorama actual como pianista acompañante, para a fase de selección. Na final deberán actuar conxuntamente coa Orquestra de Cámara Galega que, un ano máis, exerce de orquestra residente do festival.

Esta nova cita volverá contar cos tradicionais concertos, todos eles gratuítos e a cargo de recoñecidos artistas galegos e internacionais, nos que a OCG estará acompañada de solistas da calidade de Javier Díaz, Helena Poggio, André Cebrián ou Xoel González. Tamén haberá un concerto coral a cargo do Obradoiro Vocal ‘A Vila’ e do Coro Xuvenil ‘Cantemos’, que contarán coa participación dos directores Josu Elberdin e Javier Busto.

Estrea mundial de Rogelio Groba
O festival terá como protagonista o compositor Rogelio Groba (1930, Guláns, Ponteareas), que este ano celebra o seu oitenta e cinco aniversario. No marco desta conmemoración o festival ofrecerá a estrea mundial do seu concerto ‘O xílgaro e o picapau’, xunto coa interpretación doutras obras da súa autoría. Mozart, Paganini, Bach, Vivaldi, Britten, Brahms, Tchaikovsky, Hubay, Wienawski, Waxman, Ravel, Ernst, Kroll e Holst, entre outros, completan a nómina de compositores da terceira edición do festival.

Completa o programa da terceira edición do festival o apartado pedagóxico, que nesta ocasión correrá a cargo da chelista Helena Poggio, especialista no seu instrumento e tamén en música de cámara, que se encargará de impartir as clases maxistrais no Conservatorio Municipal de Ponteareas.

Divulgar a música do compositor Rogelio Groba, impulsar unha actividade musical de calidade que poña en relevo a importancia da música clásica e o labor que os músicos galegos realizan no eido da interpretación en cooperación con músicos internacionais, así como fomentar a formación dos novos talentos musicais son os eixos centrais deste festival, que conta desde a súa primeira edición co apoio de Cultura e Educación.
 

Comparte