Nova: Atardecer no Gaiás celebra os vinte anos de La Habitación Roja e da Orquestra de Cámara Galega

06/08/2015

Atardecer no Gaiás celebra os vinte anos de La Habitación Roja e da Orquestra de Cámara Galega

A praza central do Gaiás acolle actuación da banda valenciana La Habitación Roja, que no seu formato máis íntimo repasará as dúas décadas sobre un escenario

Na súa despedida deste ‘Atardecer no Gaiás 2015’, a Orquestra de Cámara Galega ofrecerá o venres na Sala Eisenman un repertorio cos seus temas máis populares no programa ‘Vinte anos non son nada’

Completa o programa desta semana o rock árabe de Yacine & The Oriental Groove

Todos os concertos son ás 21 horas e teñen entrada de balde
 

  • La Habitación Roja La Habitación Roja
  • Yacine & The Oriental Groove Yacine & The Oriental Groove
  • Orquestra da Cámara Galega Orquestra da Cámara Galega

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra esta semana un ‘Atardecer no Gaiás’ moi especial onde se conmemorá os vinte anos sobre o escenario de La Habitación Roja e da Orquestra de Cámara Galega, que farán un repaso polos seus mellores e máis populares temas nestas dúas décadas de vida. O programa completarase co rock árabe chegado desde Barcelona do combo multicultural Yacine & The Oriental Groove.

‘Atardecer no Gaiás’ arranca este xoves a partir das 21 horas coa banda valenciana La Habitación Roja, que chegan á Cidade da Cultura no seu formato máis íntimo. Tras vinte anos sobre os escenarios, nove discos e dezasete EPs, LHR é xa un dos clásicos do pop español. Na praza central do Gaiás interpretarán algúns dos seus temas máis míticos como ‘La edad de oro’, ‘Posidonia’ ou ‘Indestructibles’, convertidos en himnos xeracionais.

E de aniversario a aniversario. Porque o venres, 7 de agosto, na Sala Eisenman, a Orquestra de Cámara Galega dirixida por Rogelio Groba despedirase desta edición de ‘Atardecer no Gaiás’ cun concerto moi especial: ‘Vinte anos non son nada’. Un programa no que interpretará unha selección de obras e autores que marcaron a súa traxectoria.

A semana rematará o sábado, 8 de agosto, de novo na praza central con Yacine & The Oriental Groove, rock árabe chegado desde Barcelona. Este combo multicultural dirixido polo barcelonés Yacine Belahcene e o laudista grego Yannis Papioannou achegaranos música de aquí e de todas partes. Da electrónica até o folk alxerino, pasando polo pop occidental, as melodías gregas ou o funk. Un “folclore do ciberespazo” con cancións sustentadas nun son urbano moi potente.

Último bus ás 22:45 horas
Todos os concertos de ‘Atardecer no Gaiás’ son de balde e comezan ás 21:00. No caso de que o tempo non acompañe, as actuacións trasládanse á Sala Eisenman. E para os que non queiran perder nada dos concertos e non depender do coche, Tussa pon en marcha un servizo especial de bus urbano, cunha última baixada do Gaiás ás 22:45 horas.
 

Comparte