Nova: Comezan as obras de consolidación da ponte de Fillaboa, en Salvaterra de Miño
11/08/2015
Comezan as obras de consolidación da ponte de Fillaboa, en Salvaterra de Miño
Cun investimento de 87.000 euros, os traballos teñen a fin de garantir a estabilidade estrutural desta ponte medieval sobre o río Tea
Salvaterra de Miño (Pontevedra), 11 de agosto de 2015.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou a ponte de Fillaboa, en Salvaterra de Miño, na que o seu departamento está a executar diversas obras de consolidación e restauración por un importe de algo máis de 87.000 euros.
Os traballos, cuxo inicio é inminente, consisten na consolidación, recalzamento e cimentación da pila número 2 da ponte. A actuación inclúe tamén a reparación do tamallar desta pila, así como asegurar a estabilidade da bóveda número 2 mediante tirantes galvanizados e crucetas de aceiro galvanizado aparafusadas en ambos extremos.
A erosión derivada das fortes correntes do río provocaron nos últimos anos unha serie de patoloxías na cimentación dos apoios dos arcos -especialmente no número dous-, e gretas nas bóvedas número dous e tres. Todo elo fai necesario a intervención urxente sobre a ponte para garantir a estabilidade estrutural da mesma.
A Ponte de Fillaboa é unha construción de cantaría de granito sobre o río Tea que daba servizo ao antigo camiño que unía Tui e o porto de Baiona, de intensa actividade comercial na época medieval. Datada por tanto na Idade Media, ten 75 metros de lonxitude e está composta de catro bóvedas apuntadas.
As obras de salvagarda e conservación desta ponte que forma parte do patrimonio de Salvaterra de Miño enmárcanse dentro das actuacións da Consellería de Cultura e Educación de poñer en valor os bens que forman parte da obra civil de Galicia.
Cómpre lembrar que o departamento de Cultura da Xunta de Galicia dispón dun plan de intervencións en pontes históricas de toda a comunidade, nas que se está a investir preto de 400.000 euros ao longo deste 2015.