Nova: Terceira fase das obras para a posta en valor do castelo de Santa Cruz, na Guarda

11/08/2015

Terceira fase das obras para a posta en valor do castelo de Santa Cruz, na Guarda

Cultura e Educación invistirá preto de 250.000 euros co obxectivo de poñer a disposición do goce do público este conxunto arquitectónico

Santiago, 11 de agosto de 2015.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou esta mañá o Castelo de Santa Cruz, na localidade pontevedresa da Guarda, onde o seu departamento está a piques de comezar a terceira fase das obras de posta en valor da fortaleza. Con este novo proxecto, que supón unha achega de preto de 250.000 euros, o investimento das administracións públicas nos últimos anos para a rehabilitación e conservación deste Ben de Interese Cultural elévase a máis de 2,6 millóns de euros.

No marco desta nova intervención remataranse os edificios destinados a Centro de Interpretación, centro de recepción de visitantes, bar-terraza e aseos, iniciados na segunda fase das obras. O obxectivo é dotar ao conxunto arquitectónico duns servizos mínimos para o uso e goce cidadán, a través de solucións construtivas que respectan en todo momento o valores culturais e paisaxísticos da contorna.

Segundo explicou o conselleiro, estes volumes contribuirán, ademais, a promover a visita ao parque botánico que alberga o xardín do Castelo de Santa Cruz que nestes momentos xestiona o Concello da Guarda; e que abriu ao público no 2013 tras os traballos de limpeza de vexetación invasiva e consolidación de muros e estruturas na fortaleza.

Durante a súa visita, o titular do departamento de Cultura da Xunta estivo acompañado polo subdirector xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais, Manuel Chaín, así como polo alcalde do concello, Antonio Lomba Baz, e varios membros da corporación.

Un enclave único
O Castelo de Santa Cruz é un enclave único tanto polo seu ecosistema botánico como polos seus elementos construtivos e os seus valores culturais, ambientais e paisaxísticos. Trátase, ademais, dun elemento singular no conxunto de fortíns, atalaias e 'fachos' construídos na zona nos séculos XVII e XVIII, ao constituír o eslabón final deste sistema defensivo fronteirizo Atlántico da Guarda-Ínsua-Caminha na desembocadura do río Miño.

Este inmoble, deseñado para albergar un centro de interpretación das fortalezas transfronteirizas, é unha infraestrutura que pode ser útil non só para o concello da Guarda se non para todo o conxunto do sistema defensivo territorial do Baixo Miño desenvolvido nos séculos XVII e XVIII ao longo da fronteira hispano-portuguesa que define o río Miño.

O conxunto fortificado foi construído no século XVII, dentro da campaña do último terzo da Guerra con Portugal. Edificouse no prazo dun ano co material proveniente das murallas da Vila da Garda, en plena campaña militar e como consecuencia dos avances das tropas portuguesas ao outro lado do río Miño. Malia que a campaña militar durou apenas cinco anos dende a súa construción, mantivo un pequeno exército ata ser vendido a finais do século XIX, momento no que pasou a ser unha dependencia de titularidade privada acondicionada para o uso industrial, agrícola e residencial.

O Castelo ten unha planta de cuadrilátero irregular alongado e conserva un recinto amurallado, con zonas parcialmente derrubadas e outras reconstruídas con cinco garitas circulares con troneiras. As portas de acceso son de arcos semicirculares paralelos formando un paso cuberto con bóveda de canón.
 

Comparte