Nova: As Feiras do Libro de Galicia recalan en Viveiro con numerosas actividades arredor da lectura para todos os públicos
12/08/2015
As Feiras do Libro de Galicia recalan en Viveiro con numerosas actividades arredor da lectura para todos os públicos
Estas citas están pensadas para achegarlles as novidades editoriais aos asistentes e fomentar o gusto polo mundo literario
Santiago, 12 de agosto de 2015.- Tras o seu paso pola Coruña, as Feiras do Libro de Galicia 2015 –promovidas pola Federación de Librarías de Galicia co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria– chegarán mañá a Viveiro, onde permanecerán ata este domingo.
Os xardíns viveirenses de Noriega Varela converteranse no punto central das diversas actividades, pensadas para todos os públicos, que se organizarán arredor do libro e da lectura. Deste xeito, e durante estes catro días, por esta nova edición da feira pasarán un importante número de autores e autoras, que presentarán as súas obras e asinarán exemplares.
De feito, e despois da inauguración de mañá ás 19.30 horas –cuxo pregón correrá a cargo dunha alumna do CEIP de Covas–, a escritora Geli Romero asinará exemplares do seu libro “Otra oportunidad” na caseta da Libraría Nobel Burela, mentres Ledicia Costas presentará “Un animal chamado néboa” e “Esmeraldina, a cociñeira defunta”, ámbolos dous publicados por Edicións Xerais. Outros dos escritores e escritoras que se achegarán ata a feira ao longo das vindeiras xornadas serán Alfredo E.Fuertes, Antón Losada, Paco Rivas ou o escritor e surfista Aitor Francasena.
Actividades para os máis novos
Pero ademais de achegar as novidades editoriais ao público, a Feira do libro de Viveiro presenta unha ampla programación de actividades para fomentar o gusto polo mundo literario e editorial. Entre elas, destacan as orientadas cara os máis pequenos, tales como contacontos, a cargo da asturiana Olga Cuervo, ou un obradoiro de reciclado creativo de materiais que ofrecerá Carme Freire, que tamén ensinará aos cativos a elaborar un calendario infantil con hortalizas e froitas.
O lema baixo o que se presentan as Feiras do Libro de Galicia 2015, ‘A historia en letras’, fai referencia ao homenaxeado este ano coas Letras Galegas pola Real Academia Galega, Xosé Filgueira Valverde. Tras recalar en Viveiro, este evento chegará a Foz do 20 ao 23 deste mes e mais a Monforte de Lemos, do 26 ao 29.