Nova: As Feiras do Libro de Galicia 2015 chegan a Foz

19/08/2015

As Feiras do Libro de Galicia 2015 chegan a Foz

O fomento da lectura en todas as franxas de idade será o eixo central de catro días con múltiples actividades centradas no libro

A vindeira parada será en Monforte de Lemos, do 26 ao 29 de agosto
 

  • Cartel das Feiras do Libro Novo de Galicia 2015 Cartel das Feiras do Libro Novo de Galicia 2015

Santiago, 19 de agosto de 2015.-Tralo seu paso pola cidade da Coruña e Viveiro, agora é a quenda do concello lucense de Foz, que albergará a Feira do Libro dende o 20 ao 23 de agosto, un evento promovido pola Federación de Librarías de Galicia co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

A praza do Conde de Fontao será o lugar que acollerá as numerosas actividades programadas, que comezarán coa lectura do pregón a cargo do escritor Diego Ameixeiras para continuar, a posteriori, con diferentes actividades.

Na xornada inaugural, será o propio Ameixeiras o encargado de conducir unha charla coloquio arredor da súa obra Conduce rápido. No evento tamén participará un nutrido grupo de escritores no que destacan nomes como Mónica Justo, Roberto Martínez, Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, Cristina Corral Soilán ou Paco Rivas, entre outros, e que presentarán e asinarán as súas obras.

Entretemento para os máis pequenos
Ademais de acoller novidades editoriais, a feira contará con diversas actividades dirixidas a fomentar o gusto polo mundo literario entre os máis novos. Así, os nenos e nenas que se acheguen ata Conde de Fontao poderán desfrutar de obradoiros e contacontos a cargo de Carme Freire, Trécola Teatro e As Garbullo.

A clausura do evento correrá a cargo da Banda Municipal de Música de Foz e do humorista Lois Pérez, que pechará os actos con “Historias da corripa e outros romances”.

Vindeiras datas
Tras finalizar en Foz, as Feiras do Libro Novo de Galicia pecharán a súa edición de 2015 en Monforte de Lemos, onde permanecerán dende o 26 ata o 29 deste mesmo mes. As citas poden consultarse na Axenda de Cultura de Galicia, no enderezo web www.cultura.gal
 

Comparte