Nova: O ciclo Monumenta convida a descubrir o patrimonio gótico de Noia e o legado arqueolóxico de Bande

28/08/2015

O ciclo Monumenta convida a descubrir o patrimonio gótico de Noia e o legado arqueolóxico de Bande

A xornada do sábado contará con visitas guiadas aos monumentos máis senlleiros da localidade coruñesa e rematará cun concerto de Talabarte Trío

O domingo, diversas actividades e a música de Odaiko guiarán o público polos tesouros do xacemento Aquis Querquennis do concello ourensán

A terceira edición deste programa de difusión do patrimonio restaurado rematará o 5 de setembro en Lugo, cunha xornada centrada na igrexa de Santalla de Bóveda de Mera e que incluirá a actuación de Rodrigo Romaní

  • Talabarte Trío Talabarte Trío
  • Xacemento de Bande Xacemento de Bande

Santiago, 28 de agosto de 2015.- Logo do seu percorrido pola arte rupestre de Tourón, no concello pontevedrés de Ponte Caldelas, o ciclo Monumenta convida a descubrir durante esta fin de semana o patrimonio gótico de Noia e mais o legado arqueolóxico de Bande a través de diversas actividades e de actuacións musicais.

O sábado, o programa promovido pola Secretaría Xeral de Cultura visitará o concello coruñés de Noia para afondar nos monumentos máis senlleiros da vila, que conta cunha fermosa zona histórica froito do apoxeo medieval e da actividade mercantil e pesqueira. Con este obxectivo, ás 19.30 horas a arqueóloga Ana Filgueira realizará unha visita guiada á igrexa de Santa María a Nova, ao museo de laudas gremiais e ao seu cemiterio.

Faladoiro con Xurxo Souto
A partir das 20.30 horas, o xornalista e músico Xurxo Souto achegarase ao cerne de Noia a través da conversa con diferentes veciñas e veciños protagonistas da actualidade cultural e social desta localidade.

Talabarte, referente da escena musical galega
O grupo Talabarte Trío, conformado por tres artistas indispensables da escena musical galega como son Quim Farinha (violín), Pedro Pascual (acordeón diatónico) e Kin García (contrabaixo), rematará a xornada cun concerto moi especial na praza do Tapal.

Á descuberta do legado arqueolóxico de Bande
Ao día seguinte, o domingo 30 de agosto, Monumenta viaxará ata a parroquia dos Baños, no concello ourensán de Bande, para desenvolver unha xornada centrada no legado arqueolóxico de Aquis Querquennis, considerado como un dos principais xacementos da comarca. Para iso, o ciclo ofrecerá unha visita ao centro de interpretación da Fundación Aquae Querquennae Via Nova, ás 18.00 horas, e mais unha andaina narrada por Santiago Ferrer (arqueólogo) e Manuel Rivero Pérez (antropólogo e sociólogo) ata o campamento militar, con visita ao xacemento arqueolóxico e ás termas.

O broche musical correrá a cargo do grupo Odaiko, que amosará a súa proposta artística, centrada na exploración da música tradicional a través da súa variante percutiva, cun concerto que terá lugar ás 20.00 horas.

Diversas propostas para gozar do patrimonio cultural 
Desde o 27 de agosto e ata o 5 de setembro, esta iniciativa promovida pola Secretaría Xeral de Cultura percorrerá diversos espazos de valor patrimonial das catro provincias galegas con concertos e outras actividades a cargo de especialistas en diferentes áreas vinculadas coa arquitectura, a arqueoloxía, a astronomía, a xeografía e o urbanismo.

A xornada de clausura de Monumenta 2015 será o 5 de setembro na igrexa de Santalla de Bóveda de Mera (Lugo), un dos monumentos prerrománicos máis senlleiros do occidente europeo. O concerto final correrá a cargo de Rodrigo Romaní, un dos músicos galegos máis destacados, membro fundador de Milladoiro.

Participación libre e de balde
A participación en todas as actividades e concertos, que se poden consultar na Axenda de Cultura de Galicia, enwww.cultura.gal, é libre e de balde.

Monumenta, difusión do patrimonio restaurado é un programa de actividades culturais que se desenvolve ao redor de igrexas, castros e outros monumentos e lugares históricos galegos nos que se realizaron diferentes intervencións para a súa conservación ou restauracións de interese arquitectónico e artístico.

Con este ciclo, a Xunta de Galicia achégalle á cidadanía unha experiencia diferente de vivir e sentir o patrimonio cultural relacionando cada edificio co territorio e coa súa singularidade paisaxística.

Comparte