Nova: Memorias de familia. O fondo Vilariño Pintos no Arquivo de Galicia poderá visitarse na Cidade da Cultura ata o 9 de outubro

04/09/2015

Memorias de familia. O fondo Vilariño Pintos no Arquivo de Galicia poderá visitarse na Cidade da Cultura ata o 9 de outubro

Prorrógase o período de exposición desta mostra, conformada por preto dun cento de documentos, que constitúe unha valiosa testemuña da vida cultural, social e política da Galicia dos séculos XIX e XX

Santiago, 4 de setembro de 2015.- O período de exposición da mostra ‘Memorias de familia. O fondo Vilariño Pintos no Arquivo de Galicia’ acaba de prorrogarse polo que poderá visitarse no edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia da Cidade da Cultura ata o vindeiro 9 de outubro. O interese amosado polos visitantes ao Gaiás por estas pezas é o motivo polo que a Xunta decidiu alongar unha semanas máis o tempo no que se poderá gozar dunha escola de documentos única, que constitúe unha valiosa testemuña da vida familiar, social, política e cultural da Galicia dos séculos XIX e XX, contemplando tamén algúns documentos de datas anteriores.

A mostra é unha coidada selección da que é a primeira doazón privada ao Arquivo de Galicia, o arquivo familiar dos irmáns Vilariño Pintos. ‘Memorias de familia’ está composta por 98 documentos, entre os que poden contemplarse 28 fotografías, cedidas expresamente pola familia para a ocasión, e un conxunto de obxectos persoais doados ao Museo do Pobo Galego (un frac, un bombín, unha capelina, unhas luvas, uns impertinentes etc.). Así mesmo, a exposición conta recursos gráficos a reprodución dun plano de Santiago de 1909, pertencente ao fondo do Arquivo Municipal, custodiado no Arquivo Histórico Universitario, e reproducións de fotografías da cidade e dos edificios que foron sede das principais institucións relacionadas coa vida profesional e a actividade política dos membros da familia, procedentes do Museo do Pobo Galego.

‘Memorias de familia’ inaugurouse o pasado 9 de xuño, no marco da programación de actividades organizada pola Xunta co gallo da celebración do Día Internacional dos Arquivos.

Familia e actividade profesional
A exposición divídese en tres partes, que separan a vida familiar da actividade profesional e política dos Vilariño. Así, ‘Identidade. O grupo familiar’ amosa tanto a árbore xenealóxica como a correspondencia entre os parentes e amizades, e a documentación referida á economía familiar como recibos ou escrituras de propiedade.

Pola súa banda, a sección dedicada á actividade profesional recolle diversos arquivos entre os que se poden atopar documentos relativos ao labor de Eduardo Vilariño -alcalde de Santiago de 1903 a 1905- na vida municipal e en institucións compostelás como a Universidade, a Escola de Artes e Oficios ou a Sociedade Económica de Amigos del País, entre outras; así como outras pezas de interese.

Asemade, a actividade política deixa a súa pegada na terceira sección da exposición, estreitamente vinculada ao período de Eduardo Vilariño no Concello de Santiago entre 1897 e 1905. Así mesmo, o activo papel do seu fillo, José Vilariño, tras as eleccións municipais á fin da Restauración (1931), permiten dar conta do cambio social e político cara á etapa republicana.
 

Comparte