Nova: A exposición Camiño. A orixe despídese co humor de Carlos Blanco

05/09/2015

A exposición Camiño. A orixe despídese co humor de Carlos Blanco

O ciclo Enocións by Ribeiro clausúrase o 10 de setembro cunha intervención do monologuista de Carlos Blanco e unha cata de catro adegas da D.O. Ribeiro

As entradas están a venda en online en www.ataquilla.com e na tenda A Reixa en Santiago
 

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2015.- Este xoves, 10 de setembro, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, da man da D.O. Ribeiro, convida a despedir a exposición ‘Camiño. A orixe’ dunha forma moi especial: a través do humor de Carlos Blanco e unha cata na que saborear catro viños da D.O. Ribeiro.

Será na última sesión do ciclo ‘Enocións by Ribeiro’, que acollerá o Museo Centro Gaiás a partir das 19 horas. Carlos Blanco ofrecerá un monólogo no que estará moi presente o mundo do viño e as emocións que se viven ao rematar o Camiño, que se combinará cunha cata de catro destacadas adegas da D.O. Ribeiro: Casal de Armán, Reboreda, Viña Costeira e Pazo Casanova. A cata estará dirixida polo director do Instituto Galego do Viño e sumiller do restaurante Pepe Vieira, Xoán Cannas.

Esta última sesión complétase cunha visita guiada á exposición ‘Camiño. A orixe’, que pechará as súas portas no Museo Centro Gaiás o próximo domingo, 13 de setembro.

As entradas xa están a venda a un prezo de 12€ en www.ataquilla.com (+gastos de xestión) e na tenda A Reixa en Santiago.

O ciclo, que se inaugurou coa actuación de Guadi Galego e as imaxes de Xurxo Lobato, ofreceu nunha segunda sesión unha maridaxe perfecta entre a forza da natureza e as paisaxes da ruta xacobea da man do cociñeiro Pepe Solla e a animación musical da DJ Analïs.

A D.O. Ribeiro é unha das institucións colaboradoras da exposición ‘Camiño: a orixe’, unha mostra na que o Museo Centro Gaiás recupera a través dunha selecta escolma de obras de arte a historia de como comezou o que hoxe é un fenómeno universal: o Camiño.

Comparte