Nova: O Museo do Mar achégase ao modelismo naval galego cunha exposición de preto de 60 maquetas de barcos tradicionais
17/09/2015
O Museo do Mar achégase ao modelismo naval galego cunha exposición de preto de 60 maquetas de barcos tradicionais
A mostra, promovida pola Asociación de Modelistas Navais de Galicia, poderá visitarse ata o próximo 25 de novembro
Vigo, 17 de setembro de 2015.- O Museo do Mar de Galicia achégase ao modelismo naval galego a través dunha exposición conformada por preto de 60 maquetas de barcos tradicionais, de vela e a vapor, realizados polos socios da Asociación de Modelistas Navais de Galicia (Amonaga).
A ‘IX Mostra de modelismo naval. Amonaga 2015’, que se poderá visitar ata o próximo 25 de novembro, foi inaugurada esta tarde polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; polo presidente da asociación, Luis Miguel López; e mais pola directora do Museo do Mar de Galicia, Marta Lucio.
Cada dous anos, a Asociación de Modelistas Navais de Galicia celebra unha mostra para dar a coñecer os diferentes modelos de barcos nos que están a traballar. A exposición sempre conta cun espazo para o artista convidado, que este ano está dedicado a Eulogio Neira. Completan a exposición as seccións nas que se amosan barcos tradicionais, barcos a vela e barcos a vapor. Nesta edición tamén se amosan modelos de barcos realizados nos talleres do 2014-15 e unha selección de maquetas de barquiños dentro de botellas.
O Museo do Mar de Galicia da Consellería de Cultura e Educación vén colaborando con todos axentes culturais relacionados co mar. A firma de varios convenios de depósito, a presenza de maquetas na nova exposición permanente sobre arqueoloxía subacuática e a próxima habilitación dun taller para realizar os seus cursos son exemplo desta liña de traballo que se vén promovendo desde hai anos.