Nova: O CGAC recupera nunha exposición a obra de Arissa, destacado representante da vangarda fotográfica
18/09/2015
O CGAC recupera nunha exposición a obra de Arissa, destacado representante da vangarda fotográfica
A mostra percorre a traxectoria profesional do autor catalán a través de máis de 150 fotografías realizadas entre 1922 e 1936
Auspiciada pola Fundación Telefónica e comisariada por Valentín Vallhonrat e Rafael Levenfeld, a mostra poderá visitarse no CGAC desde o 19 de setembro ata o 1 de novembro de 2015
Santiago, 18 de setembro de 2015.- A figura de Antoni Arissa (Sant Andreu, 1900 - Barcelona, 1980), un dos máis destacados representantes españois da vangarda fotográfica, chega ao Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) da Consellería de Cultura e Educación cunha antolóxica de máis de 150 fotografías do autor, cuxa obra permaneceu practicamente inadvertida durante oito décadas.
‘Arissa. A sombra e o fotógrafo. 1922-1936’ é o título desta exposición, auspiciada pola Fundación Telefónica, que foi presentada esta mañá en rolda de prensa polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; polo director de Administracións Públicas de Telefónica no Territorio Norte, Manuel Ángel Alonso; polo director do CGAC, Santiago Olmo; polos comisarios da exposición, Valentín Vallhonrat e Rafael Levenfeld; e pola responsable de coleccións e exposicións da Fundación Telefónica, Laura Fernández Orgaz.
Novas linguaxes creativas
“As máis de 150 imaxes que conforman o proxecto –afirmou Anxo Lorenzo– constitúen unha nova fiestra a través da que explorar a transformación desta arte no contexto das primeiras décadas do século XX en España”, coa aplicación de novos recursos creativos promovidos polas vangardas que favoreceron “o xurdimento de novas linguaxes no ámbito das artes plásticas e visuais, nas que a fotografía adquiriu un papel protagonista”.
Primeira antolóxica dedicada a Arissa
A mostra, que será inaugurada esta tarde, ás 20:00 horas, e que se poderá visitar no CGAC ata o vindeiro 1 de novembro, pasa na súa terceira itinerancia por Santiago. Cómpre salientar que esta constitúe a primeira antolóxica dedicada ao fotógrafo catalán e é o resultado dun exhaustivo labor de investigación e restauración realizado polos comisarios e promovido pola Fundación Telefónica, cuxo interese por recuperar e pór en valor arquivos fotográficos pouco coñecidos ou esquecidos xa propiciara o desenvolvemento de proxectos similares de grande envergadura como o relativo ao galego Virxilio Viéitez.
A mostra, comisariada por Valentín Vallhonrat e Rafael Levenfeld, está composta por máis de 150 fotografías en branco e negro que percorren a súa traxectoria profesional, desde o pictorialismo ata a vangarda da Nova Visión, a través de tres bloques estilísticos: o pictorialismo, entre 1922 e 1928; a evolución cara ás solucións visuais da modernidade ata o comezo dos anos trinta e a Nova Visión, desde 1930 ata 1936, cando Arissa se incorpora ás vangardas fotográficas.
As fotografías, que proveñen da colección de negativos propiedade de Fundación Telefónica e de 32 imaxes realizadas a partir de negativos do Institut d’Estudis Fotogràfics de Catalunya, reflicten un fotógrafo do seu tempo, que participa dos avances tecnolóxicos e das novas correntes artísticas do medio achegando a súa visión particular a partir dos experimentos realizados na intimidade do seu pequeno taller.
Recuperación de arquivos fotográficos
O proxecto enmárcase na liña de recuperación de arquivos fotográficos iniciada pola Fundación Telefónica co Arquivo Fotográfico da Compañía e ampliada posteriormente con fotógrafos como Virxilio Viéitez, Luis Ramón Marín e Josep Brangulí.