Nova: Éxito de acollida das charlas TEDxGalicia na Cidade da Cultura

18/09/2015

Éxito de acollida das charlas TEDxGalicia na Cidade da Cultura

A Cidade da Cultura ofrece unha programación complementaria aberta a todos os que desexan asistir e non conseguiron entrada

Esta edición especial céntrase na cultura e na creatividade, conectado coas liñas nas que traballa o Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura
 

  • Imaxe dunha das charlas Imaxe dunha das charlas
  • Imaxe dunha das charlas Imaxe dunha das charlas
  • Imaxe dunha das charlas Imaxe dunha das charlas
  • Imaxe dunha das charlas Imaxe dunha das charlas

Santiago, 18 de setembro de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destaca o éxito da convocatoria das charlas TEDxGalicia que se celebrarán mañá sábado na Cidade da Cultura, nunha edición especial centrada na cultura e na creatividade, conectado así cos obxectivos do Centro de Emprendemento do Gaiás. Todas as entradas postas á venda para este evento, que terá lugar mañá á tarde no Museo Centro Gaiás, foron vendidas sen apenas promoción. Ante a extraordinaria resposta do público, a Cidade da Cultura oferta unha programación complementaria pola mañá, aberta a todos os que desexen asistir e non conseguiron mercar unha entrada.

O éxito da convocatoria da Cidade da Cultura vén avalado pola rapidez coa que se venderon as case 400 entradas do aforo do Museo Centro Gaiás, sen apenas campaña de promoción, máis que avisos en redes sociais. Ademais, boa parte destas entradas mercáronse antes de que se fixese público o nome dos ‘speakers’.

Confluencia co Centro de Emprendemento
Co título ‘Realidades tras a percepción’, esta edición especial conflúe coa actividade do Centro de Emprendemento do Gaiás, un espazo no que máis de duascentas persoas están impulsando proxectos empresariais innovadores no coworking, no viveiro de empresas ou no espazo de crowdworking “Galicia Open Future”.

As charlas TEDxGalicia terán lugar entre as 16 e as 20 horas de mañá no Museo Centro Gaiás e todas as entradas xa están vendidas. O éxito desta convocatoria fixo que a Cidade da Cultura ofrecese unha programación complementaria aberta a todo o mundo durante a mañá do sábado na Sala Eisenman, e na que se poderán escoitar tamén charlas curtas –nun formato inspirado no concepto TED–, ademais dun concerto do grupo De Vacas, unha degustación e unha sesión vermú.

Nacidas nos Estados Unidos, logo acadaron unha difusión a escala mundial sen precedentes ao combinar un formato creativo, con intervencións breves –de 18 minutos ou menos–, e un panel de oradores con enorme capacidade de comunicación, como Bill Gates, Bill Clinton, Jane Goodal, Frank Gehry, Paul Simon, Philippe Starck ou Bono.

A idea TED espallouse rapidamente xerando unha comunidade internacional de millóns de seguidores, conectados grazas á difusión que estas charlas teñen a través das redes sociais, con plataformas como Youtube onde se poden atopar vídeos TED grabados en cen idiomas diferentes. Pronto, países e comunidades de todo o mundo replicaron este formato estadounidense, o mesmo que chega o sábado ao Museo Centro Gaiás.

En www.cidadedacultura.gal e en www.tedxgalicia.com está publicado o programa completo das actividades da mañá e tarde, así como o perfil dos relatores que participarán. Ademais, os vídeos de todas as charlas estarán en poucos días a disposición de quen desexo velos a través da canle de Youtube de TEDxGalicia, respectando o principio inspirador desta comunidade de xerar un espazo aberto para compartir ideas creativas.

 

Comparte