Nova: O proxecto En-Red-Arte facilitará o acceso á cultura das persoas con discapacidade

18/09/2015

O proxecto En-Red-Arte facilitará o acceso á cultura das persoas con discapacidade

Máis de 200 persoas poderán participar en obradoiros de artes plásticas, fotografía artística, escritura creativa, teatro, música tradicional e popular e de danza contemporánea

Cultura e Educación destina 20.000 euros para apoiar a realización destas actividades
 

Silleda (Pontevedra), 18 de setembro de 2015.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), Anxo Queiruga, asinaron un convenio de colaboración para poñer en marcha o proxecto “En-Red-Arte”. Trátase “dun acto de xustiza social para favorecer a integración e mellorar o acceso á cultura das persoas con discapacidade”, segundo sinalou o responsable do departamento educativo da Xunta de Galicia, que estivo acompañado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

Deste xeito, tal e como explicou o conselleiro, máis de 200 persoas beneficiaranse das actividades que se desenvolverán ao abeiro deste proxecto, tales como obradoiros de artes plásticas, de fotografía artística, de escritura creativa, de teatro, de música tradicional e popular e de danza contemporánea.

Todas estas experiencias –que se organizarán nos centros de recursos de persoas con discapacidade e asociacións membros da entidade, así como nos espazos formativos que COGAMI emprega habitualmente– buscan que os beneficiarios acaden unha base de coñecementos na materia concreta. A partir de aí, tamén se pretende fomentar o seu espírito creativo e artístico en cada unha das áreas que abordan.

Antes da sinatura, procedeuse a enterrar unha “cápsula do tempo” preparada polas persoas usuarias do centro silledense para conmemorar o 25º aniversario de COGAMI.

Axuda no proceso de aprendizaxe
O proxecto “En-Red-Arte” –ao que a Consellería destina 20.000 euros– ten como obxectivo proporcionarlle ás persoas con discapacidade a posibilidade de vivir experiencias culturais que teñan unha incidencia positiva na súa aprendizaxe e, ademais, lles permitan desenvolver a súa curiosidade, a formación do gusto e o seu sentido estético e crítico.

Así mesmo, búscase que estas actividades poidan contribuír a que persoas deste colectivo frecuenten eventos culturais, así como romper conceptos autolimitantes da actividade cultural e estimular a capacidade de superación persoal.

Integración social a través da cultura
Cómpre lembrar que este departamento vén colaborando con diversas iniciativas orientadas a promover a integración das persoas con discapacidade en todos os terreos, sobre todo naqueles vinculados co ámbito da cultura.

Deste xeito, e a través da Secretaría Xeral de Cultura, a Consellería coopera co Festival Artístico Igual Arte da Fundación Igual Arte, que ofrece unha mostra da creatividade de compañías de arte integradas por persoas con discapacidade; ou co Encontro Artes pola Integración, que pon nas mans de grupos dalgunha forma excluídos da participación social unha serie de oportunidades, plataformas, iniciativas e ferramentas para facilitar a súa comunicación co resto da comunidade, ao tempo que dá a coñecer a capacidade expresiva deses grupos socialmente excluídos por razóns legais, sociais ou médicas.
 

Comparte