Nova: O teatro e a música de Os Axóuxeres chegan a Boiro e Ourense
20/09/2015
O teatro e a música de Os Axóuxeres chegan a Boiro e Ourense
O programa está a percorrer 26 localidades para dinamizar o galego nas familias novas con bebés
A entrada é de balde e cómpre reserva previa telefónica no teléfono 697 363 089 desde unha semana antes de cada función
As funcións da vindeira fin de semana son nos concellos de Ames, Vedra, Santiago de Compostela e Teo
Santiago, 20 de setembro de 2015.- A nova edición do programa de dinamización lingüística ‘Os Axóuxeres’, que ten como obxectivo promover o uso do galego e a súa transmisión interxeracional nas familias novas con bebés e nenos/as de 0 a 6 anos, pechou onte a súa segunda fin de semana de xira con grande acollida de público en Ourense e en Boiro. Logo das primeiras funcións en Arteixo e na Coruña, na fin de semana da estrea, o venres déronse cita na Cidade das Burgas e onte na localidade barbanzá de Boiro.
As seguintes funcións acolleranas os concellos de Ames (venres 25, na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18:00 horas), Vedra e Santiago de Compostela (sábado 26, no Museo Modesto Paz Camps ás 18:00 horas e no Centro Sociocultural das Fontiñas ás 19:00 horas) e Teo (o domingo 27 no Auditorio da Ramallosa ás 12:00 horas). Para as catro elas abrirase en exclusiva mañá, luns, a inscrición previa telefónica no número 697 363 089, na que as familias poden anotar os seus bebés e nenos/as de 0 a 6 anos cun acompañante adulto. Coma sempre, a entrada é de balde ata completar a capacidade das salas.
'Os Axóuxeres’ é unha proposta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística que chega á súa sétima edición ofrecéndolles ás familias con cativos de 0 a 6 anos espazos de lecer en galego e tamén materiais para continuar xogando e cantando ao remate do espectáculo. O disco ‘Os Axóuxeres’, co que se agasallará a todas as familias participantes, e tamén os materiais das edicións anteriores pódense descargar de balde en http://ir.gl/1febfb.
O peixiño de Mariña
Mariña. Rapaza con nome de auga, de vida cara ao mar, é a protagonista desta historia e quen un día de praia decide que ese peixiño que apañou vai ser o seu mellor compañeiro de cuarto do mundo: "sempre quixen ter un peixiño e por fin o conseguín!". Xa na casa, o animaliño cada vez está máis triste... Será o seu amigo Muriel quen tente convencer a rapaza para que o ceibe: "os peixes do mar teñen que ficar no mar".
Mariña, rapaza lista e espelida, comprende que o seu fiel amigo leva razón: o mar ofrécelle ao peixe todo o que precisa para vivir e ser feliz, aínda que tamén agocha dificultades que os seres que o habitan atopan día tras día... e para o peixiño de Mariña non vai haber excepción. Unha aventura teatral, musical e lúdica na que a xente miúda se mergullará na profundidade do mar para sentir de preto valores como a ecoloxía ou a amizade. Unha experiencia sensorial e lingüística coa que aprender e levar para a casa divertidas cancións, adiviñas e xogos.
A festa da música, dos xogos e das palabras
‘Os Axóuxeres’ é a festa da música, dos xogos e das palabras. Un espectáculo de dinamización lingüística baseado en historias adaptadas á xente miúda da casa e mesturadas con cancións e xogos especificamente creados para a montaxe. ‘Os Axóuxeres’ coida dun xeito especial a calidade da montaxe cunha estética dinámica e actual, e maila acollida ás familias para asegurar que os nenos e nenas asocien o galego con experiencias cheas de tenrura e diversión.
Estrelas dormen, Voga valente, Vou navegar, Entre o mar e esta bañeira e Mergullo son as cancións orixinais dos novos Axóuxeres, que María Torres e Gonçalo Guerreiro (directores da compañía Elefante Elegante) interpretan en directo acompañados polos músicos Mano Panforreteiro e Dani Pais, e que recolle o cedé homónimo, no que tamén se poden escoitar brinquedos e adiviñas infantís.
Unha xira por 26 puntos de Galicia
Esta nova edición de 'Os Axóuxeres' está a chega, desde a pasada fin de semana, a 26 concellos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia: A Estrada, A Laracha, Ames, Cangas, Fene, Ferrol, Foz, Lalín, Moaña, Mondoñedo, Noia, O Carballiño, Oleiros, O Porriño, Redondela, Ribeira, Santiago de Compostela, Teo, Vedra, Vilagarcía de Arousa, Viveiro e Xinzo de Limia.
Listaxe á que hai que engadir A Coruña, Boiro, Ourense e Arteixo. Foi, precisamente, esta localidade da área metropolitana da Coruña a que acolleu a estrea desta edición do espectáculo o pasado sábado 12 cun grande éxito de acollida. O calendario completo da actividade pódese consultar no web institucional http://ir.gl/1febfb e tamén na Axenda de Cultura de Galicia.