Nova: O documental Alpuxarras preestréase en Santiago como inicio do ciclo Cinco miradas desde oriente
21/09/2015
O documental Alpuxarras preestréase en Santiago como inicio do ciclo Cinco miradas desde oriente
O filme de Rafael Toba abre un programa especial de proxeccións que se desenvolverá todos os luns ata o 19 de outubro
A fita afonda na presenza árabe en Galicia a partir da historia dos colonos galegos que repoboaron o sur de Granada tras a expulsión dos mouriscos
Santiago, 21 de setembro de 2015.- O documental 'Alpuxarras', producido por Cooperativa de Cine e Documental baixo a dirección de Rafael Toba, preestréase esta tarde en Santiago de Compostela, na que será a sesión inaugural do ciclo 'Cinco miradas desde Oriente'. A proxección terá lugar ás 20.30 horas no Hotel Eurostars Araguaney, sede deste programa cinematográfico de temática árabe que se desenvolverá todos os luns ata o 19 de outubro baixo a organización do Festival Internacional de Cine Euroárabe AMAL e a Fundación Araguaney-Ponte de Culturas e coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña.
O filme contou para a súa realización co apoio económico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través das subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) á produción e coprodución audiovisual. Así o sinalou hoxe o director da Axencia, Jacobo Sutil, na presentación de 'Cinco miradas desde Oriente' e desta preestrea, na que compartiu mesa con Ghaleb Jaber Martínez, director do festival AMAL, e con Rafael Toba.
Ollada histórica
O responsable da Agadic subliñou o feito de que este documental lles achegue aos espectadores un momento histórico aínda moi descoñecido: a repoboación das Alpuxarras granadinas con colonos cristiáns, principalmente galegos, tras a expulsión dos mouriscos no século XVI. Como explicou o realizador Rafael Toba, a fita aborda tamén a pegada beréber en Galicia e analiza os costumes sociais, a toponimia e a presenza xenética que aínda perduran.
Sutil felicitou, así mesmo, a Ghaleb Jaber Martínez por este novo ciclo cinematográfico, que se celebra como antesala do Festival Internacional de Cine Euroárabe AMAL e que vén ofrecerlle “un espazo adicional de difusión ás obras que non teñen fácil acceso ás pantallas do país”.
'Cinco miradas desde Oriente' continuará o vindeiro luns coa proxección de 'El gran robo de libros', de Benny Brunner, mentres que nas seguintes xornadas o público poderá ver o documental sobre a guerra de Siria 'Return to Homs', a película de Arabia Saudí 'La bicicleta verde' e a fita francesa 'La fuente de las mujeres'. Todas as sesións, de entrada libre ata completar a capacidade da sala, están programadas ás 20.30 horas no Hotel Eurostars Araguaney e incluirán un coloquio posterior arredor da temática que abordan os filmes seleccionados.