Nova: Sarabela Teatro estrea a súa versión de Ensaio sobre a cegueira cun espectáculo de gran formato

22/09/2015

Sarabela Teatro estrea a súa versión de Ensaio sobre a cegueira cun espectáculo de gran formato

A obra mestra do premio Nobel portugués José Saramago representarase no Auditorio Municipal de Ourense do xoves 24 ao sábado 26

Ánxeles Cuña asina a dramaturxia e dirixe un elenco integrado por Fina Calleja, Sabela Gago, Vicente Montoto, Fernando Dacosta, Xavier Estévez, Josito Porto, Elena Seijo, Nate Borrajo e Jorge Casas

  • Cartel da obra Cartel da obra

Ourense, 22 de setembro de 2015.- A compañía Sarabela Teatro estrea este xoves 24 de setembro no Auditorio Municipal de Ourense o seu novo espectáculo, 'Ensaio sobre a cegueira', unha versión escénica da obra mestra do premio Nobel portugués José Saramago, que levará ás táboas a través dunha montaxe de gran formato.

A peza, que permanecerá no espazo ourensán ata o sábado 26 e iniciará despois un percorrido por outros escenarios galegos, conta coa interpretación a cargo de nove actores e actrices dirixidos por Ánxeles Cuña Bóveda, autora tamén da dramaturxia composta a partir da novela orixinal. Inclúe, ademais, unha filmación cinematográfica dirixida e realizada expresamente por Jorge Coira e Gaspar Broullón, gravada no hospital psiquiátrico de Toén.

Axuda a 26 propostas
De feito, o novo proxecto de Sarabela foi o único adxudicatario este ano na categoría reservada para gran formato (con oito ou máis actores) dentro das subvencións á produción escénica que publica a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), convocatoria pola que a compañía percibiu 58.691 euros para a materialización desta proposta. Outros 25 proxectos de formatos máis pequenos e diferentes estilos tamén resultaron subvencionados noutras categorías da mesma resolución.

Así o explicou na rolda de prensa celebrada hoxe o director da Agadic, Jacobo Sutil, quen compartiu a presentación do espectáculo coa concelleira de Cultura de Ourense, Belén Iglesias, coa directora de Sarabela, Ánxeles Cuña, con Gaspar Broullón e con todo o equipo actoral que encarna os 24 personaxes a través dos que se desenvolve a trama.

Sutil, que se referiu á estrea como un dos acontecementos culturais do ano en Galicia, gabou a “incuestionable traxectoria” e a “valía” colectiva e individual de cada un dos membros' de Sarabela. “Unha compañía −expresou− de probado éxito creativo, capaz de defender textos contemporáneos e clásicos, afeita a producir espectáculos para adultos e para público infantil e solvente tanto á hora de promover as súas propias montaxes como de asumir proxectos docentes e de dinamización escénica”.

Novo reto para Sarabela
Neste sentido, o director da Agadic cualificou 'Ensaio sobre a cegueira' de novo reto para a compañía, que asume así a adaptación para as táboas dunha novela maxistral que moitos espectadores terán xa gardada na súa imaxinación, ademais de acometer a versión dramática en galego e de manexar un grupo de actores e actrices de primeira liña.

Para Sarabela, 'Ensaio sobre a cegueira' é a ficción dun autor que nos alerta sobre a responsabilidade de ter ollos cando outros xa os perderon. O argumento arranca cando un home parado diante dun semáforo en vermello fica cego subitamente. É o primeiro paso dunha 'cegueira branca' que se expande de maneira fulminante. Internados en corentena ou perdidos na cidade, os cegos terán que se enfrontar co que existe de primitivo na natureza humana: a vontade de sobrevivir a calquera prezo.

As entradas para asistir ao espectáculo figuran xa á venda na billeteira electrónica https://entradas.ataquilla.com e estarán tamén dispoñibles no despacho do Auditorio Municipal de Ourense.
 

Comparte