Nova: Alumnado do instituto Santiago Apóstol de Bos Aires visita a Cidade da Cultura na súa viaxe de estudos a Galicia
28/09/2015
Alumnado do instituto Santiago Apóstol de Bos Aires visita a Cidade da Cultura na súa viaxe de estudos a Galicia
Tratáse de que coñecezan lugares de especial interese patrimonial e natural de Galicia
Santiago, 28 de setembro de 2015.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, recibiu na Cidade da Cultura 12 alumnas e alumnos do instituto arxentino-galego Santiago Apóstol de Buenos Aires, acompañados dunha docente deste centro. O grupo atópase de viaxe de estudos para coñecer lugares de especial interese patrimonial e natural, así como as principais institucións culturais galegas, visitando lugares como a Casa-Museo de Rosalía de Castro, en Padrón; a Catedral de Santiago, o Consello da Cultura Galega e a Casa da Troia na capital de Galicia; a Torre de Hércules, a Domus e a Real Academia Galega na Coruña; e o santuario da Virxe da Barca en Muxía, entre outros.
Na recepción participaron tamén os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, e mais da directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño. Previamente á recepción, os alumnos realizaron unha visita guiada ás instalacións da Cidade da Cultura.
O Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstol puxo en marcha o seu primeiro ciclo lectivo en marzo de 1998 para atender a ampla demanda social da colectividade galega na capital arxentina e, desde entón, foi completando a súa oferta educativa ata abranguer os actuais niveis de infantil, primaria e secundaria. Desde o ano 2003, o centro de ensino conta cun Departamento de Lingua e Literatura Galega, que contribúe aínda máis a reafirmar os valores e trazos da identidade e da cultura do noso país na escola, favorecendo a súa difusión entre o seu estudantado. O alumnado cursa nel as materias, co galego como lingua vehicular, de Lingua e Literatura, Xeografía e Historia de Galicia.