Nova: Espazos Sonoros propón unha viaxe musical por diversos continentes con La Macorina no mosteiro de Carboeiro

03/10/2015

Espazos Sonoros propón unha viaxe musical por diversos continentes con La Macorina no mosteiro de Carboeiro

O repertorio amerindio indíxena, a tradición oral africana e a música europea do Renacemento e do Barroco centran o concerto que ofrecerá o grupo este domingo en Silleda, ás 18:00 horas

Dous dos seus intérpretes, Diana Baroni e Tunde Jegede, participarán hoxe no CGAC nun espazo de conversa e música ao vivo conducido por Anxo Quintela

Ata o 28 de outubro, o festival programará concertos e diversas actividades no Barco, Forcarei, Baiona, Bueu e Pontevedra para poñer en valor o patrimonio cultural galego

  • Tunde Jegede Tunde Jegede
  • La Macorina La Macorina

Santiago, 3 de outubro de 2015.- O festival Espazos Sonoros, promovido pola Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, regresa esta fin de semana con propostas para percorrer diversos continentes a través da música. Faino da man do conxunto ‘La Macorina’, que ofrecerá un concerto este domingo en Silleda, ás 18:00 horas, no mosteiro de Carboeiro, de entrada libre e gratuíta.

A cantante e experta en interpretación de música barroca Diana Baroni, e o especialista no instrumento africano kora, Tunde Jegede, acompañados polos músicos Alfonso Pacín e Rafael Guel, convidan a unha viaxe ata os novos mundos para explorar linguaxes musicais propias, arredor do repertorio amerindio indíxena, da tradición musical europea do Renacemento e do Barroco, e da rica tradición oral africana.

Ritmos e formas barrocas tocados cos instrumentos levados a América polos conquistadores europeos, canda cantos de tradición oral en linguas indíxenas e ritmos subsaharianos ao son dunha evocadora kora centran un programa co que o público poderá redescubrir as paisaxes, os mitos e caracteres das terras e das xentes de diversos continentes.

Ruta a pé polo carreiro do Deza
Antes do concerto, ás 15:00 horas, realizarase unha ruta a pé na que as persoas previamente inscritas percorrerán unha parte da contorna natural que circunda o mosteiro de Carboeiro, seguindo o curso do río Deza, ata a praia fluvial da Carixa, pasando polas antigas casas de baños da Brea, hoxe convertidas en balneario. O vieiro descende polo camiño real, unha antiga calzada medieval conduce ata a ponte do Demo, tamén de orixe medieval e obxecto de moitas lendas. O camiño percorre, ademais, unha paisaxe natural de grande interese. E é que a cunca do río Deza atesoura unha das comunidades piscícolas mellor conservadas de Galicia. As prazas para esta actividade están esgotadas.

Conversas e música ao vivo no CGAC
O sábado 3 de outubro, Diana Baroni e Tunde Jegede serán tamén os protagonistas da actividade ‘Escoitas arredor de...’, un espazo de conversas e música ao vivo, moderado polo xornalista Anxo Quintela, que terá lugar ás 19:00 horas na cafetería do Centro Galego de Arte Contemporánea, en Santiago de Compostela.

Recoñecidos grupos e artistas internacionais, como o caso do conxunto ‘La Macorina’ ou do cantante estadounidense Joel Frederiksen, comparten cartel en Espazos Sonoros cunha mostra do mellor talento artístico galego, que estará representado por Oscar Ibáñez trío, pola formación Herbens Consort, especialista en interpretación de repertorios barrocos; polo Quinteto Egeria, formado por intérpretes da Real Filharmonía de Galicia e do claustro de profesores do Conservatorio de Santiago; ou polo dúo de zanfona e acordeón diatónico integrado por Óscar Fernández e Carlos Quintá.

Próximas citas
Xunto cos concertos, a oitava edición do ciclo ‘Espazos Sonoros’, dirixido por Belén Bermejo, ofrece diversas actividades para achegar o público á música e ao patrimonio histórico, entre as que se inclúen obradoiros de música antiga, rutas a pé por diversos espazos de interese patrimonial e natural, e xornadas de lecer, como a que terá lugar o vindeiro sábado 10 de outubro, ás 11:00 horas, no Barco, arredor da paisaxe natural de Éntoma. As persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o 7 de outubro no enderezo electrónico actividades@espazossonoros.org

Ese mesmo día, ás 19:00 horas, as Adegas Roandi serán o escenario do concerto que ofrecerá o Quinteto Egeria, un quinteto clásico de instrumentos de arco formado por intérpretes membros da Real Filharmonía de Galicia e do claustro de profesores do Conservatorio de Santiago.

Concertos de balde e con entrada libre
Todos os concertos de ‘Espazos Sonoros’ son de balde, con entrada libre ata completar a capacidade. Nas actividades con prazas limitadas, que se poden consultar en www.cultura.gal e www.espazossonoros.org, é imprescindible a inscrición previa nas datas establecidas.

Comparte