Nova: As IV Xornadas de Música Contemporánea comezan no Gaiás cunha homenaxe a Rogelio Groba

03/10/2015

As IV Xornadas de Música Contemporánea comezan no Gaiás cunha homenaxe a Rogelio Groba

‘Rogelio Groba #85. Visións sonoras dunha vida’ abrirá esta cuarta edición cunha homenaxe á figura deste compositor galego tras 85 anos dedicado á música

A partir das 19 horas, no Museo Centro Gaiás, a Orquestra de Cámara Galega amosará neste concerto tres das linguaxes estéticas máis habituais de Groba

Santiago, 3 de outubro de 2015.- A cuarta edición das ‘Xornadas de Música Contemporánea’ comezan o vindeiro sábado, 10 de outubro, cunha sesión inaugural no Gaiás cun concerto homenaxe ao compositor galego Rogelio Groba.

Baixo o título ‘Rogelio Groba #85. Visións sonoras dunha vida’, este primeiro concerto do ciclo está dedicado a unha vida dedicada á composición: Rogelio Groba, quen atesoura 700 títulos que abranguen a práctica totalidade de xéneros musicais e unha rica variedade estética.

A Orquestra de Cámara Galega amosará neste concerto homenaxe tres das linguaxes estéticas máis habituais de Groba: unha que poderiamos considerar neobarroca (Intres Boleses, 1978), outra de perfil neorromántico con toques etnográficos (a suite Grovios, 2004) e a terceira máis persoal, expresiva e sentimental (el concierto para trompa Lembranzas diverxentes, 2014). Ademais da Orquestra de Cámara e a presenza do propio Groba, o concerto contará coa participación de David Fernández á trompa.

O concerto inaugural das ‘Xornadas de Música Contemporánea’ terá lugar no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura ás 19:00 horas. A entrada é de balde mais é preciso retirar invitación no propio Museo Centro Gaiás en horario de 10 a 20 horas ou no Teatro Principal de Santiago de Compostela, de martes a sábado de 18 a 21 horas.

Comparte