Nova: Santiago acolle o II Congreso Internacional da Rede de Lexicografía
05/10/2015
Santiago acolle o II Congreso Internacional da Rede de Lexicografía
Desenvolverase ata o próximo 7 de outubro na Facultade de Filoloxía da Universidade compostelá
A Rede de Lexicografía (RELEX) dedica este segundo encontro internacional á terminoloxía
Santiago, 5 de outubro de 2015.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, inaugurou na Facultade de Filoloxía da universidade compostelá (USC) o II Congreso Internacional da Rede de Lexicografía (RELEX), que reunirá ata o próximo 7 de outubro a lingüistas de recoñecido prestixio no ámbito da terminoloxía, tema que centra a presente edición do congreso. Trátase dunha disciplina lingüística que estuda e que lle ofrece á sociedade, en diversos campos da actividade humana, o vocabulario técnico necesario para unha comunicación clara, precisa e exenta de ambigüidades.
García Gómez valorou que RELEX escollese Galicia como sede para un encontro que xira arredor do tema “A terminoloxía, unha necesidade da sociedade actual”, que lle dá título ao congreso. O secretario xeral coincidiu cos organizadores en que “a terminoloxía é importante para calquera lingua que queira ser útil na sociedade actual e asemade fiel á súa idiosincrasia, pero vólvese fundamental nos procesos de normalización lingüística coma o que aborda o galego”. “Elaborarmos termos para falar de ciencia, de tecnoloxía, de actualidade... resulta imprescindible para que a lingua de noso poida empregarse nestes ámbitos”, explicou o secretario, quen quixo destacar “a importancia de termos mecanismos para atopar solucións terminolóxicas seguras e rápidas no mundo da empresa, un dos ámbitos nos que se centra este congreso”.
A canda Valentín García participaron na mesa inaugural José Sánchez Padrós, presidente da Fundación Galicia-Empresa; Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega; Manuel González González, profesor da USC, director de Termigal e copresidente do comité organizador do congreso; María Dolores Sánchez Palomino, profesora da Universidade da Cultura e presidenta de RELEX; José Pereira Fariña, vicerreitor de Comunicación e Coordinación da USC, e María Xosé López Couso, decana da Facultade de Filoloxía compostelá.
Congreso internacional
O II Congreso Internacional Relex. ‘A terminoloxía, unha necesidade na sociedade actual’, desenvolverase na Facultade de Filoloxía da universidade de Santiago os días 5, 6 e 7 de outubro arredor de dúas liñas de traballo: por unha banda, a terminoloxía e a empresa e, por outra, “o traballo colaborativo na terminoloxía”. Este encontro internacional realízase co apoio da Consellería de Cultura e Educación e particularmente da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Durante as tres sesións, os asistentes ao congreso terán ocasión de escoitar as conferencias plenarias de especialistas de recoñecido prestixio internacional: María Teresa Cabré, presidenta da Secció Filológica do Institut d’Estudis Catalans; Manuel Célio Conceição, profesor da Universidade do Algarve; Rute Costa, do Centro de Lingüística da Universidade de Lisboa, e Mariateresa Zanola, profesora da Università Cattolica del Sacro Cuore de Milán e presidenta de Realiter. A canda estas conferencias, presentaranse diversas comunicacións libres e desenvolveranse mesas redondas arredor dos dous temas de traballo do congreso. O terceiro día, a sesión estará dedicada a un obradoiro de iniciación á utilización dos recursos terminolóxicos.
RELEX
A Rede de Lexicografía (RELEX) une oito grupos do sistema universitario galego (ROMANYCOM, GLEX, FILGA, HUMBOLDT, ITALIANÍSTICA, Léxico e Lexicografía Especializada, TALG e FRASEONET) e cinco de outras universidades (Lexicografía, Lexicoloxía e Historiografía Lingüística da Universidad de La Laguna; IULATERM, do IULA, Universitat Pompeu Fabra; LICEI, da Università de Bologna, campus de Forlì; GRiLS, da Università di Milano, e o grupo de Lexicografía Monolingüe e Bilingüe Italiana, da Università di Torino) que teñen a lexicografía entre as súas principais liñas de investigación.
RELEX ten como obxectivos impulsar a investigación e a docencia en todas aquelas liñas de traballo relacionadas coa lexicografía, promover a divulgación e a transferencia á sociedade dos coñecementos e resultados emanados de ambas as dúas actividades, potenciar a formación de docentes e investigadores en lexicografía e favorecer a sinerxía e a cooperación de todos aqueles grupos que traballan no dito ámbito.