Nova: Galicia Escena Pro afondará nas estratexias de comunicación dixital a través dun seminario para compañías

08/10/2015

Galicia Escena Pro afondará nas estratexias de comunicación dixital a través dun seminario para compañías

Un total de 25 profesionais asistirán a este obradoiro, organizado pola Agadic e a Cofae como actividade complementaria ao mercado galego de artes escénicas que terá lugar en Santiago do 3 ao 6 de novembro

O programa paralelo á carteleira de exhibición inclúe tamén unha sesión de presentacións 'pitching', durante a que 15 formacións artísticas terán a oportunidade de avanzarlles os seus proxectos aos axentes culturais asistentes

  • Imaxe de Pepe Zapata Imaxe de Pepe Zapata

Santiago, 8 de outubro de 2015.- A estratexia dixital na difusión da actividade das compañías galegas será o obxecto dun seminario que terá lugar no marco da terceira edición de Galicia Escena PRO, o mercado das artes escénicas que a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) desenvolverá en Santiago de Compostela do 3 ao 6 de novembro.

Un total de 25 profesionais do sector participarán neste encontro, que terá lugar o martes día 3 e para o que a Agadic conta coa colaboración da Coordinadora de Ferias de Artes Escénicas del Estado Español (Cofae). O obxectivo é achegarlles ás compañías escénicas unha serie de ferramentas e técnicas que lles permitan optimizar de xeito inmediato a súa estratexia de marketing e comunicación dixital, así como a medición dos seus resultados.

Análise de boas prácticas
Para tal fin, contarase con Pepe Zapata, socio da consultora Teknecultura, quen combinará a explicación de metodoloxías e ferramentas coa análise de boas prácticas e a resolución dun caso práctico. Xestor cultural, filólogo e experto en dirección de empresas e social media, Zapata conta cunha ampla traxectoria vinculada á promoción e difusión cultural como director de Marketing e Comunicación do Mercat de les Flors de Barcelona entre 2009 e 2014, xestor cultural na Universitat Pompeu Fabra ou técnico de asesoramento comercial en diferentes entidades. Tamén está vinculado ao sector das artes escénicas como actor profesional, produtor e tradutor.

Con este 'Seminario de estratexia dixital para compañías de artes escénicas', Galicia Escena PRO dá continuidade ás accións de formación continua para profesionais do sector que puxo en marcha na edición de 2014 co taller 'Venderse nun ascensor', durante o que se facilitou unha serie de modelos de venda e de presentación rápida e efectiva dos seus proxectos e producións.

Presentacións en seis minutos
Neste sentido, o programa complementario á carteleira de exhibición de espectáculos desta terceira edición inclúe unha sesión de presentacións de proxectos en formato 'pitching'. A través dela, un total de 15 compañías galegas contarán cun máximo de seis minutos en cada caso para lles avanzar os seus novos proxectos aos programadores asistentes mediante unha exposición oral que pode contar tamén con apoio audiovisual.
 

Comparte