Nova: O XX Congreso Internacional Cultura e Poder aborda os novos modelos e tipoloxías de (e/in)migración

08/10/2015

O XX Congreso Internacional Cultura e Poder aborda os novos modelos e tipoloxías de (e/in)migración

Evento, organizado polas tres universidades galegas, que se desenvolve ata o sábado na capital de Galicia

  • ‘XX Congreso Internacional Cultura e Poder’ ‘XX Congreso Internacional Cultura e Poder’

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2015.- A capital galega acolle ata o sábado o ‘XX Congreso Internacional Cultura e Poder’, unhas xornadas que pretenden servir como foro de debate arredor da mobilidade e dos movementos migratorios e que foron inauguradas hoxe nun acto que contou coa participación do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, en representación da Consellería de Cultura, Educación e O.U.

Especialistas procedentes dos cinco continentes, así como de universidades de todo o Estado español, abordarán ata o sábado as novas tipoloxías de (e/in)migración xurdidas no século XXI e a súa representación na literatura, nas artes visuais e mais nos medios de comunicación, un debate académico que, segundo afirmou Anxo Lorenzo, favorece a análise en profundidade dun fenómeno complexo, necesaria tanto para a aplicación das políticas públicas como para, a través dos medios de comunicación, lle trasladar á opinión pública esa complexidade.

Conferencias e coloquios
Organizado polas tres universidades galegas, baixo a coordinación xeral do profesor da Universidade da Coruña e analista de política internacional José Manuel Estévez-Saá, o congreso inclúe conferencias plenarias a cargo de académicos de recoñecido prestixio internacional no ámbito dos estudos migratorios, relatorios de carácter teórico-críticos e mais coloquios.

As xornadas, que se desenvolven en galego, castelán e inglés, e están abertas ao público, realízanse no salón Olivo do Hotel Eurostars Araguaney.
 

Comparte