Nova: As Irmandades da Fala, Manuel María e Castelao, protagonitas das principais celebracións colectivas arredor da cultura en 2016

08/10/2015

As Irmandades da Fala, Manuel María e Castelao, protagonitas das principais celebracións colectivas arredor da cultura en 2016

  • Manuel María, Letras Galegas 2016

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2015.- O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, avanzou no Parlamento de Galicia as principais celebracións colectivas arredor da cultura en 2016, que terán como protagonistas as Irmandades da Fala e figuras como Manuel María e Castelao

“As conmemoracións culturais constitúen unha oportunidade para aprender do pasado, para entender un pouco máis como viñemos transitando ata aquí, ata hoxe”, afirmou no Parlamento de Galicia o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen tamén destacou o interese de outorgarlles a estas celebracións “unha posta en valor para o presente, como referencia para a cultura que estamos a construír colectivamente na actualidade”.

Na súa comparecencia, na Comisión 4ª de Cultura e Educación para responder unha pregunta sobre as actuacións que está a promover o Goberno galego orientadas a apoiar o coñecemento e a valoración social das principais figuras e citas relacionadas coa cultura galega, Anxo Lorenzo destacou o esforzo que se vén realizando nos últimos anos de coordinación e de planificación conxunta coas institucións e entidades culturais para promover programacións que impliquen o conxunto da cidadanía, para lograr unha maior chegada á sociedade e, ao mesmo tempo, para avanzar nunha construción compartida.

Pór en valor as Irmandades da Fala
Neste sentido, avanzou que a Xunta de Galicia, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega e o Museo do Pobo Galego están comezando a concretar as iniciativas que contribuirían a poñer en valor o labor das Irmandades da Fala no centenario, en 2016, da súa fundación, ao abeiro do mandato parlamentario aprobado o pasado mes de abril.

Xunto coas Irmandades da Fala, destacou, tamén no horizonte do vindeiro ano, a celebración das Letras Galegas, dedicadas a Manuel María, para a que a Xunta de Galicia contribuirá, como vén facendo anualmente, cunha “ampla actuación para o ámbito educativo, que se estenderá ao conxunto da sociedade grazas á coordinación de actuacións no conxunto do territorio”.

Castelao no Día das Artes Galegas
Tamén se referiu á celebración do Día das Artes Galegas, dedicado ao Afonso Daniel Rodríguez Castelao, coincidindo co 130º aniversario do seu nacemento. Así, en colaboración coa Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, promotora deste día, e mais coa Fundación Castelao, a Xunta de Galicia contribuirá a unha programación para poñer en valor o legado do intelectual de Rianxo.

Celebracións vinculadas co libro e a lectura
Xunto coas alusións ás conmemoracións, en 2016, do 150º aniversario do nacemento de Ramón María del Valle-Inclán e de centenarios como o de Camilo José Cela e Xosé Velo, o secretario xeral recordou que este ano tamén se está a desenvolver unha completa programación de actividades para celebrar as principais datas vinculadas co libro e coa lectura, que se recollen no Calendario do Libro e da Lectura, do que se está a preparar a nova edición.

En relación ás efemérides de recuperación do legado de figuras destacadas, falou do académico da lingua galega, economista e profesor Xaime Isla Couto, do que se cumpren o vindeiro día 23 de outubro cen anos do seu nacemento; do político e intelectual Ramón Piñeiro, tamén no ano do seu centenario, así como de Filgueira Valverde, homenaxeado coas Letras Galegas, e do Mestre Mateo, protagonista do Día das Artes Galegas, entre outras figuras.

Entidades culturais de hoxe
Finalmente, mencionou algunhas das iniciativas de posta en valor da traxectoria de “entidades culturais que seguen en activo e que contan cunha longa historia de esforzo permanente en prol da cultura galega”, como a Sociedade Filharmónica de Vigo e o Real Coro Toxos e Froles, que celebran este ano o centenario da súa creación; da Fundación Granell, no vixésimo aniversario da súa posta en marcha; da Fundación Rogelio Groba, cando se cumpren 85 anos do nacemento do compositor ponteareán; ou da Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea), que leva tres lustros promovendo o teatro amateur por toda Galicia.

Comparte