Nova: Refórzase a colaboración institucional para impulsar o Museo do Viño de Galicia en Ribadavia

10/10/2015

Refórzase a colaboración institucional para impulsar o Museo do Viño de Galicia en Ribadavia

A Casa reitoral de Santo André de Camporredondo albergará este centro expositivo

O Museo do Viñ permitirá recuperar, documentar, conservar e difundir o patrimonio cultura vitivinícola da nosa comunidade para a cidadanía en xeral, e para os investigadores e estudosos desta materia en particular

  • Museo do Viño de Galicia Museo do Viño de Galicia

Ribadavia (Ourense), 10 de outubro de 2015.- A Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Ourense reforzan o seu compromiso co Museo do Viño de Galicia, en Ribadavia, un proxecto que ten como finalidade principal recuperar, documentar, conservar e difundir o patrimonio cultural vitivinícola de Galicia tanto para o coñecemento da cidadanía en xeral como para o aproveitamento e consulta dos investigadores e estudosos do universo vitivinícola en particular.

O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e mailo presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, afondaron na colaboración institucional sobre este tema, nunha visita que realizaron esta maña á Casa Reitoral de Santo André de Camporredondo (que albergará a sede museística).

Tal como xa se prevía, o centro expositivo ubicarase na antiga Casa Reitoral de Santo André de Camporredondo, en Ribadavia, un inmoble que destaca pola súa relevancia e interese arquitectónico e histórico, e que forma parte do Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia. Non en van no pasado foi un priorado e adega dependente do mosteiro compostelán de San Martiño Pinario, ao que subministraba os caldos do Ribeiro. Para tal fin está previsto asinar proximamente un convenio de colaboración entre as tres partes implicadas, que son a Xunta, a Deputación e a Diócese de Ourense.

Cómpre lembrar que a Consellería de Cultura e Educación leva investidos preto de 1,35 millóns de euros na restauración e acondicionamento deste edificio como paso previo para acoller o centro expositivo. As obras realizadas centráronse principalmente na recuperación do edificio, con actuacións específicas nos teitos e nas paredes, no acceso ao mesmo, tratamento de humidades, reparación das carpinterías de madeira exteriores, instalacións eléctricas, climatización e elementos contra incendios, entre outros.
 

Comparte