Nova: Ramón Trigo amosa na Casa da Parra o cumio dun ciclo na súa evolución artística

14/10/2015

Ramón Trigo amosa na Casa da Parra o cumio dun ciclo na súa evolución artística

O pintor vigués reúne en Os sinais deixados unha selección de 86 obras que se poderán ver no centro expositivo da capital galega ata o 19 de novembro

  • Cartel da mostra Cartel da mostra

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2015.- A Casa da Parra acolle a exposición ‘Os sinais deixados’, unha mostra coa que o vigués Ramón Trigo recrea o mundo intanxible da súa xeografía vital a través dunha selección de 86 obras, que supoñen o remate dun ciclo na súa evolución artística.

Con este proxecto, o Trigo “vén darlle a súa impronta persoal a este espazo creativo da Casa da Parra, a través de máis de 80 sinais de identidade artística, todo un universo de trazos sombríos que nos seduce e que transforman este emblemático local do cerne de Santiago de Compostela cunha proposta con identidade propia e enorme forza creativa”, afirmou esta tarde o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante o acto de inauguración da mostra, no que tamén interviu o propio artista.

“Ramón Trigo trae aquí, desde Vigo, algo máis ca unha exposición de gran calidade: achega o pouso dunha etapa, no que están as súas pegadas, os sinais que el foi deixando”, dixo Anxo Lorenzo, quen recordou que o artista ten demostrado na súa longa traxectoria a súa capacidade de traballo e a súa calidade técnica”. “Temos, ademais, a sorte de poder contar coa súa mirada entre as páxinas de numerosos libros”, engadiu, en referencia ao seu labor no ámbito da ilustración, que lle valeu diversos recoñecementos.

O secretario xeral tamén felicitou a Alfonso Armada, autor do texto que precede as páxinas do catálogo da mostra, no que describe con acerto a pintura de Ramón Trigo “como unha forma de mirar” e os seus debuxos, “como unha maneira de estar no mundo”.

A culminación dun ciclo
‘Os sinais deixados’, que se poderá ver ata o vindeiro 19 de novembro no centro expositivo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, componse dunha selección de 35 cadros, unha escultura e 50 debuxos. Este proxecto supón, segundo o artista, a culminación e o peche dun ciclo que comezou hai cinco anos coa exposición Tránsit (Fundacion Caixanova. Vigo, 2010 e que continuou catro anos máis tarde coa presentación da mostra ‘Cinzas’, no Instituto de Estudios Miñoranos Gondomar, en 2014.

Estas dúas mostras serviron de punto de partida e fío condutor para culminar a serie de pinturas e esculturas que compoñen a nova mostra da Casa da Parra.

Ramón Trigo
Desde os 18 anos, Ramón trigo (Vigo, 1965) dedícase á actividade creativa, ámbito no que alterna proxectos pictóricos e escultóricos con outros do mundo da ilustración e da banda deseñada. España, Portugal, Italia, Bélxica, Alemaña e Lituania foron escenario de exhibición da obra do artista, galardoado con diversos recoñecementos polos seus libros ilustrados, como os premios Nacional Lazarillo, Isaac Díaz Pardo, Cidade de Alicante e Cabildo de Gran Canaria de álbum ilustrado, entre outros.

 

Comparte