Nova: O ciclo de música contemporánea Do Audible regresa en outono con dous concertos en diálogo coa astrofísica e a filosofía
18/10/2015
O ciclo de música contemporánea Do Audible regresa en outono con dous concertos en diálogo coa astrofísica e a filosofía
Logo do verán, o programa retoma a súa actividade o 20 de outubro en Pontevedra co compositor Joan Bagés i Rubí e a astrofísica Ana Ulla Miguel
A terceira edición do ciclo rematará o 25 de novembro en Lalín, cunha sesión centrada na música e na filosofía
Santiago, 18 de outubro de 2015.- A terceira edición do ciclo de música contemporánea Do Audible, organizado pola Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura e Educación, coa colaboración de Vertixe Sonora Ensemble, retoma a súa actividade logo do verán con dous singulares programas de música contemporánea en Pontevedra e Lalín, nos meses de outubro e de novembro, respectivamente.
Do Audible, que pon en diálogo a música coa arte, coa ciencia e co pensamento, ofrecerá unha nova sesión o día 20 de outubro no Café Moderno Afundación de Pontevedra, ás 20:30 horas. Baixo o título ‘Incerteza’, Ana Ulla Miguel, profesora titular do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo e especialista no estudo das estrelas, e o compositor Joan Bagés i Rubí, apaixonado da astronomía que compuxo unha sorte de cosmogonía sonora que actualiza as teorías máis avanzadas de explicación do universo, serán os protagonistas da sesión, que conta coa colaboración da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra e do Conservatorio Manuel Quiroga.
O colectivo Vertixe Sonora Ensemble –Alessandra Rombolà, frauta; Felipe Agell, clarinete; Pablo Coello, saxofón; Mario Peris, violín; Ailsa J. Regina, cello; David Durán, piano; e Diego Ventoso, percusión– interpretarán as composicións do compositor catalán.
Música e filosofía para a clausurar o ciclo
Do Audible 2015 despedirase o 25 de novembro, ás 20:30 horas, no Auditorio Municipal de Lalín con ‘Baleiro’. A filosofía e o baleiro como un concepto construtivo centrarán a clausura do ciclo Do Audible. O programa desta sesión porá a dialogar o compositor Miguel Ángel Tolosa e o filósofo Javier Turnes, nunha xornada que conta coa colaboración do Conservatorio Profesional de Música de Lalín e do Concello de Lalín.
No concerto, Vertixe Sonora –Alessandra Rombolà, frauta; Xocas Meijide, clarinete; Ailsa J. Regina, cello; David Durán, celesta; e Diego Ventoso, percusión– estrearán obras do propio Tolosa, do mexicano Andrés Nuño de Buen e do noruegués Ingar Zach.
Achegamento ás expresións contemporáneas
O ciclo Do Audible 2015, que arrancou en maio na Fundación Luis Seoane da Coruña co programa ‘As cidades invisibles’ e que proseguiu no mes de xuño co concerto ‘Eloxio do mínimo’, na Casa do Saber de Lugo, celebra este ano a súa terceira edición.
Con esta programación, a Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece un novo espazo de achegamento á música e ás expresións contemporáneas, cunha programación desenvolvida en distintas cidades de Galicia, que permite construír novas experiencias destinadas ao público xeral.