Nova: O sector editorial galego participa na Feira do Libro de Frankfurt

16/10/2015

O sector editorial galego participa na Feira do Libro de Frankfurt

O evento celebra na cidade alemá unha nova edición ata o 18 de outubro

  • Feira Internacional do Libro de Frankfurt Feira Internacional do Libro de Frankfurt

Santiago, 16 de outubro de 2015.- A Editorial Galaxia, Kalandraka, Edicións Xerais de Galicia, Nova Galicia Edicións, MC Sports, Edicións do Cumio, Urco Editora, a distribuidora Arnoia, Toxosoutos, Demo Editorial e Hércules de Ediciones difunden a súa produción editorial na Feira Internacional do Libro de Frankfurt a través do stand de Galicia, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Nesta nova edición do evento, unha das citas internacionais máis destacadas do libro, o sector editorial galego participa un ano máis co apoio do departamento de Cultura da Xunta de Galicia, que tamén vén contribuíndo coa proxección exterior do sector nas feiras de Boloña, de Bos Aires e de Guadalaxara, en México.

Ademais de divulgar os seus traballos a través do stand de Galicia, as editoriais Kalandraka e Nova Galicia Edicións participan cun stand propio na Feira Internacional do Libro de Frankfurt, que se desenvolve na cidade alemá ata o vindeiro domingo 18 de outubro.

Promoción do sector nos mercados exteriores
Unha das principais liñas de promoción de obras galegas nos mercados exteriores é a asistencia ás feiras internacionais do libro, un programa promovido pola Consellería de Cultura e Educación en acordo coa Asociación Galega de Editores (AGE), que en 2015 abrangue a presenza de Galicia cun stand propio nas xa realizadas feiras de Boloña e de Buenos Aires, xunto coa de Frankfurt.

Nestes encontros internacionais, a Xunta de Galicia asume a organización, xestión e control das actividades relativas ao posto promocional, persoal de atención aos visitantes, envío de material, preparación de eventos culturais, así como a edición de materiais promocionais, como o ‘Catálogo de libros infantís e xuvenís de Galicia’, en edición trilingüe (galego, castelán e inglés), coa colaboración de Gálix.
 

Comparte