Nova: Os Bolechas na máquina do tempo e Contos en Rede enchen a fin de semana de oportunidades de lecer en galego

17/10/2015

Os Bolechas na máquina do tempo e Contos en Rede enchen a fin de semana de oportunidades de lecer en galego

Abegondo, Aranga e Cerdedo gozarán co máis recente espectáculo dos Bolechas

Ana Carreira e Santi Prego levarán as súas narracións e historias co ‘Contos en Rede’ aos concellos da Cañiza, Carral e San Cristovo de Cea

FalaRedes 2015 é a cuarta edición do programa de dinamización lingüística que a Secretaría Xeral de Política Lingüística lle concede á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia

  • 'Os Bolechas na máquina do tempo' e ‘Contos en Rede’ enchen de oportunidades de lecer a fin de semana grazas ao programa 'FalaRedes' da Consellería de Cultura e Educación 'Os Bolechas na máquina do tempo' e ‘Contos en Rede’ enchen de oportunidades de lecer a fin de semana grazas ao programa 'FalaRedes' da Consellería de Cultura e Educación
  • 'Os Bolechas na máquina do tempo' e ‘Contos en Rede’ enchen de oportunidades de lecer a fin de semana grazas ao programa 'FalaRedes' da Consellería de Cultura e Educación 'Os Bolechas na máquina do tempo' e ‘Contos en Rede’ enchen de oportunidades de lecer a fin de semana grazas ao programa 'FalaRedes' da Consellería de Cultura e Educación
  • 'Os Bolechas na máquina do tempo' e ‘Contos en Rede’ enchen de oportunidades de lecer a fin de semana grazas ao programa 'FalaRedes' da Consellería de Cultura e Educación 'Os Bolechas na máquina do tempo' e ‘Contos en Rede’ enchen de oportunidades de lecer a fin de semana grazas ao programa 'FalaRedes' da Consellería de Cultura e Educación

Santiago, 17 de outubro de 2015.- A Secretaría Xeral de Política Lingüística segue a levar por Galicia o espectáculo 'Os Bolechas, na máquina do tempo' dentro do Programa 'FalaRedes 2015'. A Consellería ofrécelle esta proposta de lecer ás entidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, e conta coa colaboración das deputacións provinciais da Coruña e Pontevedra en concellos da súa competencia territorial.

Esta fin de semana, a listaxe de actuacións abre o sábado en Cerdedo (ás 19:00 horas, no Centro Cultural) para continuar o domingo por Aranga (ás 12:30 horas, no anexo do CEIP A Castellana) e Abegondo (ás 18:00 horas, no centro cultural O Salón de Mabegondo). A entrada é, coma sempre no ‘FalaRedes’, libre e de balde ata completar a capacidade das salas. Os cativos, fieis seguidores dos Bolechas, son os destinatarios desta actividade que tamén está a conquistar o público adulto.

Braulio, Carlos, Loli, Pili, Sonia, Tatá e o inseparable Chispa -logo de deixaren atrás o Sabichón- atoparán un aparello que os teletransportará ata o futuro e os converterá en adultos: a máquina do tempo. O doutor Apolodoro -o científico tiruleco propietario da mesma- guiará os irmáns nun percorrido para coñeceren as diferentes etapas da Historia, e no que precisarán a inestimable axuda do público para regresaren ao presente.

A xira desta actividade de dinamización lingüística sumará un total de 40 localidades da RDL visitadas a finais do mes deste outubro. O calendario completo pódese consultar en www.lingua. gal e na Axenda da Cultura de Galicia.

Contos en Rede
‘Contos en Rede’ é a nova proposta de lecer do programa ‘FalaRedes’, a terceira deste ano 2015. Trátase dunha alternativa oral que pretende resaltar a importancia da transmisión por medio da fala, a través das historias e dos contos na voz de Ana Carreira, Inacio Vilariño e Santi Prego.

Tras a estrea do pasado sábado día 10 en Carballedo e Zas, esta fin de semana é a quenda de Viana do Bolo (sábado, 20:00 horas, na Casa da Cultura, tamén con Santi Prego) e da Cañiza (sábado, 20:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura, con Inacio Vilariño), logo de visitar Carral o venres.

Destinada a público de calquera idade, a actividade ‘Contos en Rede’ percorrerá un total de 30 entidades (27 municipios e 3 mancomunidades) ao longo dos meses de outubro e novembro. Son estes uns meses que se caracterizan polas xuntanzas a carón do lume para escoitarmos os contos que, de xeración en xeración, veñen transmitíndose en lingua galega. Contos novos e vellos, de intriga ou de humor, a través dos que se pretende acadar tres obxectivos fundamentais: incentivar o uso do galego oral como ferramenta de creación artística, incrementar a oferta de actividade cultural en lingua galega e máis espallar o traballo dos artistas que realizan as súas actividades na lingua propia de Galicia.

Todas as datas e máis os espazos desta actividade pódense consultar, tamén, no web institucional www.lingua.gal e na Axenda de Cultura de Galicia.

'FalaRedes 2015'
A cuarta edición do programa de dinamización lingüística 'FalaRedes' mantén os obxectivos das anteriores de ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua propia de Galicia.

Desde o mes de marzo e ata finais de ano, as actividades do 'FalaRedes' están a percorrer os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con preto de 170 entidades adscritas. Nos tres primeiros anos de desenvolvemento do programa foron case 600 as actividades programadas no marco da RDL, todas elas, con grande acollida de participantes.

Máis información sobre ‘FalaRedes’ 2015 no apartado exclusivo dentro do web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística http://ir.gl/a416b6 e tamén nas redes sociais.

Comparte