Nova: Con barqueira e remador inicia en Pontevedra o seu programa de recitais poéticos multilingües

21/10/2015

Con barqueira e remador inicia en Pontevedra o seu programa de recitais poéticos multilingües

A Casa da Luz acolle hoxe o primeiro dos actos abertos desta iniciativa dirixida por Yolanda Castaño

A cuarta edición do obradoiro reúne en San Simón autores de diversos países para participar nesta experiencia de intercambio cultural entre linguas e poéticas

Durante a súa estancia na illa, o elenco de autores verterá a cadanseu idioma textos poéticos contemporáneos, que serán traducidos ao persa, ucraíno, xaponés, catalán, macedonio, hebreo e galego

  • Con barqueira e remador 2015

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2015.- A illa de San Simón, en Redondela, reúne ata o vindeiro 24 de outubro poetas e tradutores e tradutoras procedentes de diversos países que participan este ano no Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con barqueira e remador, un proxecto pioneiro e único en España que sitúa Galicia no mapa da rede de iniciativas dedicadas ao intercambio entre linguas, poéticas e sistemas literarios.

Dirixido pola poeta e dinamizadora cultural Yolanda Castaño, co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, o obradoiro conta na súa cuarta edición cun elenco da máis alta calidade literaria, chegado desde a diversidade lingüística de Asia e Europa, para enriquecer o corpus de traducións poéticas contemporáneas para cadanseu idioma.

Traballo recíproco de tradución entre linguas e poéticas
Nikola Madzirov (Macedonia), Tal Niztán (Israel), Ostap Slyvynsky (Ucraína), Sholeh Wolpé (Irán), Josep M. Rodríguez (Cataluña), Yasuhiro Yotsumoto (Xapón) e a galega Estíbaliz Espinosa son os encargados este ano de desenvolver na illa, desde o 19 de outubro, un intensivo traballo presencial, colectivo e recíproco de tradución entre as súas poéticas e as súas linguas.

O elenco de autores será tamén o protagonista do programa de actos abertos e gratuítos do obradoiro, conformado por tres recitais multilingües que se desenvolverán na provincia de Pontevedra os días 21, 22 e 23 deste mes. Estes tres recitais poéticos multilingües farán soar a obra dos convidados e convidadas nas súas linguas orixinais, seguidas das traducións ao galego, que este ano recaen sobre a coruñesa Estíbaliz Espinosa.

Todos os actos serán ás 20 horas e o primeiro deles terá lugar hoxe, mércores, na Casa da Luz de Pontevedra. O xoves 22 a cita será no Charenton Club Cultura de Vigo, mentres que o venres 24 o Multiúsos da Xunqueira de Redondela servirá de escenario para este acto de achegamento tanto ás poéticas participantes no obradoiro como ao labor de tradución que se desenvolve estes días na illa.

Ao mesmo tempo, estas xornadas porán o grupo en contacto co tecido cultural presente na Galicia sur e cos públicos lectores, á vez que significarán para os autores e autoras internacionais unha intensiva introdución á cultura, lingua e literatura galegas in situ.

Intercambio cultural
Durante a súa estancia na illa de San Simón, os poetas e tradutores e tradutoras completarán un traballo de traslado para o persa, ucraíno, xaponés, catalán, macedonio, hebreo e galego que darán a coñecer unha vez de volta nas súas respectivas comunidades, nun proceso de intercambio cultural de ámbito internacional proxectado desde a inspiradora illa redondelá, na ría de Vigo.

O IV Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con barqueira e remador está patrocinado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e polo Concello de Redondela, xunto con outras entidades colaboradoras como o Concello de Pontevedra, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación e a Embaixada de Israel en España.

Comparte