Nova: Unha exposición achega a Vigo a figura de Víctor Said Armesto
21/10/2015
Unha exposición achega a Vigo a figura de Víctor Said Armesto
A Fundación Barrié acolle a mostra que divulga a traxectoria intelectual e vital do ilustre polígrafo pontevedrés
Vigo, 21 de outubro de 2015.- A sede viguesa da Fundación Barrié acolleu esta tarde a inauguración da exposición ‘Víctor Said Armesto. A lección dun cidadán libre’, á que o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, se referiu como “un merecido recoñecemento á figura senlleira do profesor pontevedrés, que contribúe a recuperar o seu legado”.
Ata finais de febreiro de 2016, a exposición –promovida pola Fundación Barrié co apoio da Consellería de Cultura e Educación, do Museo do Pobo Galego e da Deputación de Pontevedra– divulgará a traxectoria deste filólogo, pensador e primeiro catedrático de Literatura Galego-Portuguesa.
Visión intelectual e humana de Said Armesto
Segundo recordou Anxo Lorenzo, “a súa magna obra está presente nesta mostra a través da voz dos seus contemporáneos e da documentación do propio Said Armesto, materiais diversos que nos falan dun home comprometido coa nosa cultura”. Con este fin, a mostra configúrase como unha visión intelectual e humana da súa figura a través do seu legado escrito, e dos que foran os seus amigos e mentores, como Manuel Murguía, Unamuno, Indalecio Armesto ou Emilia Pardo Bazán, entre outros.
Ao abeiro do mandato parlamentario aprobado en 2014 no marco do centenario do pasamento de Said Armesto, o Consellería de Cultura e Educación vén apoiando diversas iniciativas co fin de “favorecer que se lle renda un tributo acorde coa transcendencia da súa figura e do labor que desenvolveu ao longo da súa vida a prol da cultura e da lingua galegas”, explicou o secretario xeral.
Programa educativo gratuíto
A mostra ocupa o terceiro e cuarto andar da sede viguesa da Fundación Barrié, entidade á que Eugenia Said Montoro, filla de Said Armesto, lle doou en 1992 o arquivo persoal de seu pai, custodiado na biblioteca da fundación na Coruña. O proxecto expositivo acompáñase dun programa educativo, gratuíto para o público, composto por obradoiros para escolares, familias e outros colectivos, visitas comentadas e campamentos de Nadal.
O presidente da Fundación Barrié, José María Arias, e o concelleiro de Facenda de Vigo, Jaime Aneiros, tamén interviron no acto de inauguración, que contou coa asistencia, entre outros, do delegado da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chávez; dos asesores científicos do programa de actividades enmarcadas no centenario do falecemento de Said Armesto, Carlos Villanueva e Carlos Valle, e do comisario da exposición, Diego Rodríguez, que ofreceu unha visita guiada.