Nova: O Gaiás conmemora o 30 aniversario da tradución ao galego de Alicia no país das marabillas

22/10/2015

O Gaiás conmemora o 30 aniversario da tradución ao galego de Alicia no país das marabillas

A Cidade da Cultura celebra o 5 de novembro unha sesión especial de Nexos cunha conversa con Teresa Barro, responsable da súa tradución

A actividade terá lugar na Sala Eisenman a partir das 17 horas con entrada de balde previa inscrición en www.cidadedacultura.gal

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebrará o vindeiro 5 de novembro no Gaiás o 150 aniversario dun dos libros imprescindibles da literatura universal: ‘Alicia no país das marabillas’ de Lewis Carroll. Será nunha nova entrega de ‘Nexos convida...’, na que se reciben visitas imprevistas e se conversa con figuras de recoñecido prestixio das letras, as artes e o pensamento. ‘Nexos convida...’ terá como protagonista desta nova sesión á ensaísta Teresa Barro, autora precisamente da primeira tradución ao galego de ‘Alicia no país das marabillas’, publicado en Xerais en 1984 e do que celebramos agora o seu 30 aniversario.

A escritora e tradutora coruñesa achegarase ao Gaiás para explicarlle ao público as dificultades que tivo para traducir, en compañía do seu marido Fernando Pérez Barreiro, o libro de Lewis Carroll. Polas propias dificultades da linguaxe e sofisticación literaria que presentaba a obra orixinal e pola escasa implantación que a principios dos 80 tiña o galego na sociedade. Un traballo polo que Teresa Barro gañou o Premio Nacional de Traducción de Libros Infantís e Xuvenís.

A entrada para ‘Nexos convida a... Teresa Barro’ terá lugar ás 18:30 horas do vindeiro xoves 5 de novembro na Sala Eisenman. A entrada, como a de todas as sesións de ‘Nexos’ é de balde, mais é preciso inscribirse previamente enwww.cidadedacultura.gal.

Ensaísta e tradutora
Teresa Barro (A Coruña, 8 de marzo de 1936) é dunha das ensaístas máis importantes de Galicia, tal e como demostran os seus traballos ‘Cartas a Rosalía’ (Edicións do Castro, 1981), ‘O atraso psicolóxico da Galiza: Cartas a Emilio Pardo Bazán’ ou ‘Dentro e fóra’ (2002).

Residente en Londres desde 1963, Teresa Barro dedicou a súa vida á tradución en diferentes organismos internacionais e é a responsable da tradución ao galego de ‘Alicia no País das Marabillas’ (Xerais, 1984) e ‘Alicia do Outro Lado do Espello’ (Xerais, 1985) xunto co seu marido Fernando Pérez-Barreiro; ademais doutros clásicos como ‘Contos de Andersen’ (O Castro, 1983) e ‘Fábulas de Esopo’ (Laiovento, 1997).

Comparte