Nova: O Salón Teatro de Santiago acolle a estrea de Listo para sentenza

22/10/2015

O Salón Teatro de Santiago acolle a estrea de Listo para sentenza

Esta comedia sarcástica de Triatreros arranca o seu percorrido polos escenarios galegos con dúas funcións na sede do CDG o venres 23 e o sábado 24, ás 20.30 horas

Sergio Macías dirixe esta adaptación da obra do dramaturgo noruegués Henrik Svindel, que interpertan Omar Ferrín, Tone Martínez, Beatriz Campos e Martín Martínez
 

  • Imaxe do espectáculo Imaxe do espectáculo
  • Imaxe do espectáculo Imaxe do espectáculo

Santiago, 22 de outubro de 2015.- Triatreros estrea no Salón Teatro o seu novo espectáculo, ‘Listo para sentenza’, que poderá verse neste escenario compostelán o venres 23 e o sábado 24, ás 20.30 horas. Esta proposta teatral preséntase como unha comedia sarcástica arredor da corrupción, coa que a compañía viguesa mantén a súa aposta pola combinación do humor e a crítica social.

Sergio Macías asume a dirección e a dramaturxia desta montaxe, realizada a partir da obra do autor noruegués Henrik Svindel e para a que conta con Omar Ferrín, Tone Martínez, Beatriz Campos e Martín Martínez no elenco.

‘Listo para sentenza’ xira arredor do proceso aberto contra un respectado home de negocios, un dos máis ricos do mundo, que levantou o seu imperio a partir dun golpe de sorte: o achado dun xacemento petrolífero na horta familiar. Exemplo de home feito a si mesmo, o empresario é relacionado con algún dos casos de corrupción máis coñecidos do país a partir do asasinato dun dos empregados das súas gasolineiras.

Bono-Tarxeta Cultura Galega
As entradas para asistir a estas dúas primeiras funcións do espectáculo poden adquirirse na billeteira do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada representación. O seu prezo é de 10 euros, sobre o que se aplicarán os descontos habituais. Ademais, esta montaxe forma parte da oferta do programa Tarxeta-Bono Cultura Galega, da que poderán facer uso os mozos e mozas de 18 ao 30 anos para mercar os seus billetes.

Triatreros é unha compañía creada en Vigo en 2011, que combina a produción de montaxes teatrais –‘Matanza’ e ‘Hamster’ son as súas propostas anteriores– cos espectáculos de improvisación que se teñen convertido xa no seu signo de identidade. A finais de 2014, o grupo deu o salto ao audiovisual coa web serie ‘Dálle Jas!’, coa que acaban de obter a Mención de Honor Deruting no Bilbao Web Fest polo seu apoio á música feita en Galicia.

 

Comparte