Nova: O CGAI acolle dúas sesións homenaxe a Amando de Ossorio do Festival Freakemacine
23/10/2015
O CGAI acolle dúas sesións homenaxe a Amando de Ossorio do Festival Freakemacine
A Filmoteca de Galicia é unha das sedes deste encontro de cine de terror, que proxectará 'El ataque de los muertos vivientes' e 'La noche del terror ciego' coa presenza dunha das protagonistas, a danesa Lone Fleming
O FKM desenvolverase do 26 de outubro ao 1 de novembro na Coruña
A Coruña, 23 de outubro de 2015.- A organización do Festival de Cinema Fantástico da Coruña Freakemacine (FKM) presentou no CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe-Filmoteca de Galicia) a programación completa da súa sétima edición, que se desenvolverá do 26 de outubro ao 1 de novembro. A filmoteca galega será unha das sedes que acollerán as proxeccións e actividades paralelas deste encontro, entre as que destaca a homenaxe ao cineasta coruñés Amando de Ossorio, un dos principais nomes do xénero de terror en España.
Nesta presentación, os directores do festival, María Núñez e Tonecho Otero, estiveron acompañados polo concelleiro de Culturas da Coruña, José Manuel Sande, e polo director do Centro Galego de Artes da Imaxe, Guillermo Escrigas, así como polos representantes das empresas patrocinadoras e do resto das sedes do encontro: ademais da Filmoteca de Galicia e o Fórum Metropolitano, a Fundación Luis Seoane, o Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa e os Cantones Cine.
Especialización y consolidación
Na súa intervención, o responsable do GGAI, centro adscrito á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), explicou que este ano o Freakemacine sitúase, por vez primeira, entre os festivais galegos subvencionados pola Xunta de Galicia a través da convocatoria específica de axudas da Agadic para os certames audiovisuais. Este apoio dá conta, ao seu entender, da progresiva consolidación do evento coruñés, que ten na súa especialidade no xénero fantástico o seu principal valor diferencial.
Guillermo Escrigas fixo referencia, así mesmo, á carteleira que o FKM 2015 despregará a próxima semana no Centro Galego de Artes da Imaxe, que ofrecerá nove das sesións programadas nesta sétima edición. A homenaxe a Amando de Ossorio centrará dúas destas citas: o mércores 28 exhibirase o filme 'El ataque de los muertos sin ojos', que será presentado por Javier Trigales, autor de 'Cine fantástico y de terror español. De los orígenes a la edad de oro (1912-83)', mentres que o xoves 29 contarase coa presenza de Lone Fleming, actriz danesa e protagonista de moitos dos títulos asinados por Ossorio, quen introducirá a proxección de 'La noche del terror ciego'. Ambas as sesións darán comezo ás 20.30 horas.
Esta homenaxe ao creador da mítica saga dos cabaleiros templarios cegos completarase cunha mostra de material orixinal do director e cunha 'mesa cadrada', que terá lugar no Fórum o xoves 29, ás 12.00 horas, coa participación de Xosé Zapata, realizador do documental 'Amando de Ossorio. El último templario'; David García Sardiñeira, do fanzine 'Monster World'; Domingo Lizcano e Antonio Garcinuño, autores do libro 'Los alquimistas del 7º Arte. Efectos especiales en el cine español', e a propia Lone Fleming.
Día Mundial do Patrimonio Audiovisual
Ademais, e baixo o título Cult Francia, o Freakmacine dedícalle un ciclo ao cinema francés que abrangue desde as orixes do 'fantastiqué' ata o novo extremismo que define os novos realizadores neste ámbito. Dentro deste especial e coincidindo coa celebración o 27 de outubro do Día Mundial do Patrimonio Audiovisual, os amantes do xénero terán a oportunidade de ver no CGAI e no seu formato orixinal en 35 mm 'Possession', de Andrzej Zulawski, considerada unha obra mestra e rareza de culto. Tamén na Filmoteca de Galicia, Cult Francia recuperará o venres 30 outro clásico do cinema fantástico, Georges Franju, a través do filme 'Les yeux sans visage' e a presentación do libro 'Georges Franju' a cargo de Quim Casas.
A programación do FKM 2015 no CGAI inclúe, así mesmo, catro citas da primeira edición do Concurso Internacional de Longametraxes 'Ópera prima', así como a fita 'El fantástico mundo de Juan Orol', de Sebastian del Amo, dentro da sección Cinema Galego. Todas as actividades do festival programadas nesta sala son de entrada libre ata completar a capacidade.
Como cada ano, o Freakemacine inaugúrase cunha 'vídeo-regueifa', que desta volta enfrontará a David Bizarro e Borja Crespo baixo o lema 'Espada e bruxería'. Tamén haberá lugar para a formación cun taller de efectos especiais impartido por Jean-Christophe Spadaccini, colaborador habitual de Luc Besson, e diferentes obradoiros infantis. A celebración do 40º anivesario do filme 'Rocky Horror Picture Show', unha exposición do debuxante David Rubín, un ciclo de anime xaponés, a cuarta edición do Concurso Internacional de Curtametraxes, varias festas temáticas e mesas redondas especializadas comlpetan a oferta de actividades do FKM 2015 que, ademais e por quinto ano consecutivo, invadirá as rúas da Coruña coas criaturas da súa marcha zombie.
A programación completa pode consultarse no web www.freakemacine.org.