Nova: Venres nas librarías ofrece máis de 30 encontros literarios e musicais no mes de novembro

05/11/2015

Venres nas librarías ofrece máis de 30 encontros literarios e musicais no mes de novembro

As novas actividades do programa de dinamización do libro e da lectura comezan na Coruña, en Vigo, en Ourense, en Lalín, en Santiago de Compostela e en Moaña

Nesta iniciativa participan 17 librarías de toda Galicia e oito editoriais

  • Apoteose das perchas, unha das obras a presentar en Venres nas librarías

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2015.- O programa Venres nas librarías ofrecerá durante o mes de novembro máis de 30 actividades para promover o libro e a lectura, a través de encontros literarios e musicais con autores e autoras que se desenvolverán semanalmente, os venres e os sábados, nas catro provincias galegas.

Librarías dos municipios da Coruña, de Vigo, de Ourense, de Lalín, de Santiago de Compostela, de Moaña, de Lugo, de Foz e mais de Cee serán os escenarios dos 32 encontros co público que manterán os autores e autoras María Reimóndez, Pedro Feijoo, Pablo Núñez, Fran Amil, Sérgio Tannus, David Pérez, Xesús Constela, As Maimiñas, Farruco Graña, Xosé Duncan, José Julio Fernández, Mary Quintero e Fernanda Padín, Lydia Botana, Miguel Ángel Alonso, Andrea Barreira, Paco Rivas e Francisco Antonio Vidal para dar a coñecer as súas obras máis recentes.

 

Cinco propostas para a primeira xornada
Logo da programación desenvolvida durante o mes de outubro, o programa, promovido polas consellerías de Cultura e Educación, e de Economía, Emprego e Industria –a través da Secretaría Xeral de Cultura e da Dirección Xeral de Comercio–, xunto coa Asociación Galega de Editores (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia, comeza o mes de novembro con cinco actividades que se realizarán mañá venres nos concellos da Coruña, de Vigo, de Ourense e mais de Lalín.

Na cidade herculina, María Reimóndez manterá ás 20:00 horas un encontro cos lectores e lectoras na libraría Couceiro, onde presentará a súa obra ‘A música dos seres vivos’, unha novela na que a tradutora e escritora convida á reflexión a través da súa protagonista, MK, unha popular e exitosa cantante. A tradutora e escritora estará acompañada polo director de Edicións Xerais de Galicia, Manuel Bragado, e mais pola artista Mercedes Peón.

Á mesma hora, na libraría Suévia da Coruña terá lugar a presentación da obra ‘Apoteose das perchas’ (Edicións Embora), na que o ferrolán Xesús Constela artella unha historia arredor dun xove mendigo dun barrio e do misterio de catro asasinatos sen resolver.

Esta primeira xornada do mes de novembro tamén ofrecerá encontros literarios en Lalín, onde David Pérez presentará na libraría Vagalume, ás 20:00 horas, a súa obra ‘Historia de Galicia’ (Edicións do Cumio), e en Ourense, na libraría Káthedra, que acollerá a presentación da obra de Pablo Núñez ‘Las hijas del César’, de Hércules de Ediciones.

A programación de mañá venres completarase cunha sesión para a xente miúda da casa, que terá ocasión de gozar cos libros e a lectura na actividade ‘Na tarde un conto’, con Miguel Ángel Alonso na libraría Cartabón de Vigo, ás 18:30 horas. Os rapaces e rapazas son os protagonistas activos da viaxe que o autor propón a través dos seus contos ‘A nena á que non deixaban ser feliz’, ‘O soño de Esther’ e ‘O valente coello que quixo soñar’.

A xente miúda, protagonista do sábado
Para o sábado 7 de novembro, o programa Venres nas librarías ofrecerá unha programación dedicada aos máis novos. Na cidade da Coruña, As Maimiñas –Lucía Lago e Irene Álvarez– ofrecerán un pequeno concerto para presentar a súa obra ‘Unha viaxe polo mundo’ (Editorial Galaxia). Con este libro-disco, as moenses farán viaxar os nenos e nenas, a través da música nun encontro literario que terá lugar ás 12:30 horas na libraría Suévia.

Outras das propostas dirixidas aos máis novos chegará da man de Fran Amil, que estará ás 12:00 horas na libraría O Pontillón de Moaña co seu libro-CD ‘Un conto do revés’, para convidar os nenos e nenas a participar nunha aventura singular para ler, escoitar e soñar. Finalmente, o músico brasileiro radicado en Galicia Sérgio Tannus fará gozar a xente miúda co seu traballo ‘Alegría!’ (Editorial Galaxia), no que a pequena eiruga Alegra vai vivindo, canción a canción, aventuras sorprendentes.

Máis de 80 encontros literarios
Desde a súa posta en marcha o pasado 2 de outubro e ata o 28 de novembro, Venres nas librarías ofrecerá máis de 80 actividades para promover o libro, incrementar o público lector e poñer en valor as autoras e os autores galegos, que se realizarán semanalmente os venres e os sábados. A programación desta segunda edición, na que participan Nova Galicia Edicións, Edicións do Cumio, Edicións Embora, Editorial Galaxia, Edicións Xerais de Galicia, Hércules de Ediciones, Editorial Toxosoutos e Urco Editora, completarase con novas actividades que se desenvolverán en 2016, durante os meses de febreiro e de marzo.

As librarías, punto de encontro
Un total de 17 librarías das catro provincias –Cartabón, Andel, Librouro e Casa del Libro, en Vigo; O Pontillón, en Moaña; Pedreira e Aenea en Santiago de Compostela; Trama, en Lugo; Káthedra, en Ourense; Suévia, Couceiro e FNAC, na Coruña; Nós, en Sanxenxo; Ler, en Cee; Day, en Narón; Bahía, en Foz; e Vagalume, en Lalín– son o lugar de encontro de público lector, de libreiros e libreiras, e de escritores e escritoras para dar a coñecer as novidades editoriais galegas a través de diferentes propostas.

 

Concursos nas redes sociais
Estes encontros cos libros en galego dos venres e sábados non só se cinguen ás librarías, senón tamén ás redes sociais, co concurso Andel do agasallo. Cada semana, as persoas que participan deben adiviñar, mediante diversas pistas, de que libro se está a falar. O lector ou lectora que o acerta leva de agasallo ese novo título editorial. O concurso realízase a través das contas de Twitter  @conscultura co hashtag #andeldoagasallo e de Facebook  www.facebook.com/CulturaGalegaXunta.

As actividades do programa Venres nas librarías poden consultarse en www.cultura.gal, a través da Axenda da Cultura de Galicia. 

Comparte