Nova: O festival Outono Lírico pon en escena en Vigo a ópera L’elisir d’amore

06/11/2015

O festival Outono Lírico pon en escena en Vigo a ópera L’elisir d’amore

Baixo a dirección musical de Francisco A. Moya, a ópera conta con artistas de primeira liña como a soprano María José Moreno

Vigo, 6 de novembro de 2015.- A cidade de Vigo acollerá esta fin de semana a representación da obra ‘L’elisir d’amore’, a nova ópera do festival Outono Lírico 2015, promovido pola Asociación de Amigos da Ópera de Vigo no marco dun convenio de colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

O Teatro Afundación será o escenario o domingo 8 de novembro, ás 19:30 horas, da representación desta ópera, que conta cun “elenco de primeira liña” e que “forma parte dunha programación escénica de primeira magnitude para a cidade de Vigo e para o conxunto da cidadanía galega”, segundo afirmou esta mañá o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na rolda de prensa de presentación da obra.

Novos públicos que gocen coa música clásica
O delegado da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves; o presidente e o vicepresidente da Asociación de Amigos da Ópera de Vigo, Pedro Pablo Gutiérrez e Daniel Diz; o tenor Miguel Borrallo, en representación do elenco de artistas; e o secretario xeral de Cultura deron a coñecer esta mañá a nova cita do Outono Lírico, “un festival que contribúe coa oferta ampla e de calidade do xénero lírico na cidade viguesa, onde existe unha afección pola ópera e onde aspiramos a crear permanentemente novos públicos que aprecien e gocen coa música clásica”, dixo Anxo Lorenzo.

“Aí están voces, por exemplo, como a de Borja Quiza, que forma parte do elenco da que será a seguinte representación, en decembro, de ‘Cavalleria rusticana & Pagliacci’, recordou.

Talento galego no festival
Respecto da concepción do ciclo, tamén destacou “o feito de integrar sempre os corpos estables musicais da cidade, como a Orquestra Sinfónica 430 ou o Coro Universitario de Vigo”. “É –precisou– unha forma de facer convivir nas programacións as voces e os profesionais internacionais cos propios, cuxa calidade tamén debe ser posta en valor desde as programacións, outorgándolle o lugar que merece o talento dos profesionais galegos”.

Ese é o obxecto deste festival, que conta cunha programación de tres grandes óperas, pero tamén con outros formatos divulgativos, de conferencias e proxeccións, coa participación de grandes coñecedores dos repertorios e das representacións operísticas.

As sopranos María José Moreno e Eva Tenorio, o tenor Miguel Borrallo e os barítonos Luis Cansino e Antonio Torres conforman o elenco artístico da obra, baixo a dirección musical de de Francisco A. Moya e a dirección escénica de Ignacio García.

Comparte