Nova: Contos en Rede continúa a súa xira baseada na tradición oral

07/11/2015

Contos en Rede continúa a súa xira baseada na tradición oral

Ana Carreira e Santi Prego contarán as súas historias e narracións esta fin de semana en Corcubión, Outes e Valga

FalaRedes 2015 é a cuarta edición do programa de dinamización lingüística que a Secretaría Xeral de Política Lingüística lle concede á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia

  • A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, segue a levar por Galicia a máis recente actividade do programa ‘FalaRedes’ A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, segue a levar por Galicia a máis recente actividade do programa ‘FalaRedes’
  • A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, segue a levar por Galicia a máis recente actividade do programa ‘FalaRedes’ A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, segue a levar por Galicia a máis recente actividade do programa ‘FalaRedes’

Santiago, 7 de novembro de 2015.- A Secretaría Xeral de Política Lingüística segue a levar por Galicia a máis recente actividade do programa ‘FalaRedes’, a terceira deste ano 2015, baixo o nome ‘Contos en Rede’. A consellería ofrécelle esta proposta de lecer ás entidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, e conta coa colaboración das deputacións provinciais da Coruña e Pontevedra en concellos da súa competencia territorial.

Esta fin de semana, son tres as oportunidades para gozar do espectáculo: hoxe sábado, en Corcubión –en colaboración coa Mancomunidade de Fisterra- (ás 20:00 horas, na Casa da Cultura, coa contadora Ana Carreira) e tamén en Valga (ás 21:00 horas, no Auditorio Municipal, con Santi Prego como contador); mañá domingo será Ana Carreira quen visite Outes (ás 19:30 horas, na Casa da Cultura). A entrada é, coma sempre no ‘FalaRedes’, libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

‘Contos en Rede’ é unha alternativa oral que pretende resaltar a importancia da transmisión por medio da fala, a través das historias e dos contos, na voz de Ana Carreira, Santi Prego e tamén de Inacio Vilariño.

Destinada a público de calquera idade, a actividade ‘Contos en Rede’ está a percorrer un total de 30 entidades (27 municipios e 3 mancomunidades) ao longo dos meses de outubro e novembro. É este un tempo que se caracteriza polas xuntanzas a carón do lume para escoitarmos os contos que, de xeración en xeración, veñen transmitíndose en lingua galega. Contos novos e vellos, de intriga ou de humor, a través dos que se pretende acadar tres obxectivos fundamentais: incentivar o uso do galego oral como ferramenta de creación artística, incrementar a oferta de actividade cultural en lingua galega e mais espallar o traballo dos artistas que realizan as súas actividades na lingua propia de Galicia.

Todas as datas e máis os espazos desta actividade pódense consultar, tamén, no web institucional www.lingua.gal e na Axenda de Cultura de Galicia.

Máis información sobre ‘FalaRedes’ 2015, no apartado exclusivo dentro do web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística http://ir.gl/a416b6 e tamén nas redes sociais.

Comparte