Nova: O espectáculo Contos en rede visita cinco concellos durante a fin de semana
14/11/2015
O espectáculo Contos en rede visita cinco concellos durante a fin de semana
Os tres contadores da xira Ana Carreira, Inacio Vilariño e Santi Prego levan os seus contos a Arzúa, Cuntis, Outeiro de Rei, Rois e Vilaboa
FalaRedes 2015 é a cuarta edición do programa de dinamización lingüística que a Secretaría Xeral de Política Lingüística lle concede á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia
Santiago, 14 de novembro de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, segue a programar a máis recente actividade do programa ‘FalaRedes’, a terceira deste ano 2015, baixo o nome ‘Contos en Rede’. A consellería ofrécelle esta proposta de lecer ás entidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, e conta coa colaboración das deputacións provinciais da Coruña e Pontevedra en concellos da súa competencia territorial.
Esta fin de semana, hai cinco oportunidades para gozar co espectáculo: hoxe sábado, en Arzúa (ás 19:30 horas, no recinto feiral Terra do Queixo, co contador Santi Prego); en Cuntis (ás 20:00 horas, no centro sociocultural e xuvenil Xosé Raído Patelas, coa contadora Ana Carreira); e tamén en Rois (ás 20:00 horas, no Edificio Multiúsos, con Inacio Vilariño); mañá domingo será a quenda de Outeiro de Rei (ás 19:00 horas, na Casa da Cultura, con Inacio Vilariño) e de Vilaboa (tamén ás 19:00 horas, na Casa da Cultura de Riomaior, con Ana Carreira). A entrada é, coma sempre no ‘FalaRedes’, libre e de balde ata completar a capacidade das salas.
‘Contos en Rede’ é unha alternativa oral que pretende resaltar a importancia da transmisión por medio da fala, grazas ás historias e aos contos de Ana Carreira, Inacio Vilariño e Santi Prego.
Destinada a público de calquera idade, a actividade ‘Contos en Rede’ está a percorrer un total de 30 entidades (27 municipios e 3 mancomunidades) ao longo dos meses de outubro e novembro. É este un tempo que se caracteriza polas xuntanzas á beira do lume para escoitarmos os contos que, de xeración en xeración, veñen transmitíndose en lingua galega. Contos novos e vellos, de intriga ou de humor, a través dos que se pretende acadar tres obxectivos fundamentais: incentivar o uso do galego oral como ferramenta de creación artística, incrementar a oferta de actividade cultural en lingua galega e máis espallar o traballo dos artistas que realizan as súas actividades na lingua propia de Galicia.
Todas as datas e máis os espazos desta actividade pódense consultar, tamén, no web institucional www.lingua.gal e na Axenda de Cultura de Galicia.
'FalaRedes 2015'
A cuarta edición do programa de dinamización lingüística 'FalaRedes' mantén os obxectivos das anteriores de ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua propia de Galicia.
Desde o mes de marzo e ata finais de ano, as actividades do 'FalaRedes' están a percorrer os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con preto de 170 entidades adscritas. Nos tres primeiros anos de desenvolvemento do programa foron case 600 as actividades programadas no marco da RDL, todas elas, con grande acollida de participantes.
Máis información sobre ‘FalaRedes’ 2015 no apartado exclusivo dentro do web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística http://ir.gl/a416b6 e tamén nas redes sociais.