Nova: O Museo Centro Gaiás convida os máis pequenos a experimentar coa fotografía

16/11/2015

O Museo Centro Gaiás convida os máis pequenos a experimentar coa fotografía

A Cidade da Cultura convértese desde esta fin de semana e ata a do domingo 6 de marzo nun lugar para gozar en familia con ‘Findes na balea’, que combina visitas guiadas á mostra José Suárez para adultos con actividades lúdicas para os nenos

As rapazas e rapaces descubrirán todos os sábados novas experiencias na Ludoteca mentres que os domingos deixarán voar a súa imaxinación nos obradoiros fotográficos

Santiago, 16 de novembro de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convida aos máis pequenos a subir ao Gaiás durante as fins de semana e converterse en grandes artistas. Será grazas ao programa lúdico ‘Findes na balea’, actividades creativas e de balde coa que os nenos poderán experimentar ao redor da fotografía mentres que os maiores terán a oportunidade de achegarse á nova mostra da Cidade da Cultura: ‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’, que percorre a vida e a obra deste gran fotógrafo galego.

‘Findes na balea’ busca converter o Museo Centro Gaiás nun lugar para gozar en familia durante as fins de semana, con actividades nas que fomentar a creatividade e a imaxinación dos máis pequenos. O programa, que arranca esta fin de semana, prolongarase ata o domingo 6 de marzo e contará con entrada de balde.

Ludoteca e obradoiros
Co obxectivo de vincular este momento de lecer á nova exposición do Gaiás, os máis pequenos terán a oportunidade de achegarse á fotografía, coñecer a súa historia e experimentar coas diferentes técnicas. Os sábados será na Ludoteca, un espazo no que poder gozar coa arte dunha forma lúdica. Dinamizada por unha monitora, a Ludoteca do Gaiás artéllase en tres recunchos temáticos nos que os participantes agudizarán os seus sentidos, accederán a unha ampla biblioteca adaptada e poderán gozar de múltiples xogos.

Os domingos, pola súa banda, ‘Findes na balea’ ofrece obradoiros fotográficos nos que as imaxes de José Suárez serán fonte de inspiración artística. Cada domingo, os participantes achegaranse á figura do fotógrafo de Allariz convertendo as súas imaxes en creacións propias a través de diferentes técnicas como a pintura, a literatura, o teatro ou diversas técnicas fotográficas. A entrada para os obradoiros tamén é de balde máis é preciso inscribirse previamente enwww.cidadedacultura.gal.

Estas actividades para nenos combínanse con percorridos guiados cos que os adultos poderán coñecer a exposición ‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’, mostra que reúne 206 imaxes e 150 obxectos persoais do fotógrafo de Allariz.

Didácticas para escolares 
As actividades para a fin de semana veñen a completar o programa didáctico que a Cidade da Cultura vén de poñer en marcha co obxectivo de que escolares de todos os ciclos –desde Infantil a Bacharelato- poidan descubrir a figura de José Suárez, así como o inicio e a evolución da fotografía. Para facer máis atractiva a visita, o Museo Centro Gaiás contará cun laboratorio fotográfico no que poder experimentar, así como diferentes obradoiros e actividades pedagóxicos.

As visitas didácticas son de balde e participar só hai que contactar previamente a través do telefono 881 99 51 72 ou no e-mail visitasdidacticas@cidadedacultura.org.

Comparte